A Asociación A Carballeira abrirá o 30 de outubro, coa Festa do Torresmo, o seu ciclo cultural que pechará en decembro
22 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Para os veciños da parroquia lalinense de Cercio a celebración do ciclo cultural ven sendo unha cita inevitable todos os anos. Organizado pola Asociación Cultural A Carballeira, que preside José Luis Castro Pol, no mes de outubro comeza habitualmente unha serie de actividades deseñadas para diferentes públicos, pero sempre abertas aos interesados de calquera idade. O Ciclo Cultural 2010 da asociación lalinense abrirase o próximo sábado 30 de outubro coa denominada Xornada de Gastronomía Popular, na que se celebrará a oitava edición da Festa do Torresmo. A actividade comezará ás 20.30 horas coa actuación da Banda de Muimenta, para dar paso unha hora despois á degustación gratuita de torresmos ao chuzo, pan, viño e castañas asadas. Unha festa gastronómica á que asisten todos os anos un importante número de veciños, quenes tamén colaboran na preparación dos produtos dos que posteriormente darán boa conta os participantes. A Asociación Cultural A Carballeira de Cercio, que conta para este ciclo cultural coa colaboración do Concello de Lalín e a Deputación de Pontevedra, ven adicando todos os anos un Día aos Nenos. Nesta ocasión será o 6 de novembro cando se celebre unha xornada na que os cativos poderán disfrutar dun espectáculo de títeres que correrá a cargo da compañía Seisdedos, de Lalín, a partires das 21.30 horas. Non faltará unha chocolatada popular que estará amenizada polo grupo A Carballeira, e que conta todos os anos cunha ampla participación. A prevención de accidentes no rural é o título da charla informativa que se impartirá no centro social de Cercio o 13 de novembro, a partires das 20.30 horas, e que ofrecerán membros da agrupación de Protección Civil da capital dezá. Unha hora despois, os veciños poderán disfrutar de contos, maxia e música coa actuación de Xacobe Pérez e Tío Pío. O Ciclo Cultural 2010 de Cercio clausurarase o 12 de decembro, domingo, cunha xornada que se lle adicará ao dramaturgo Varela Buxán. Será a compañía Tangatutanga -un grupo de teatro da Universidade de Santiago- que porá en escea a comedia titulada «Aberto por folga». A Asociación Cultural A Carballeira de Cercio é un dos poucos colectivos existentes na comarca que mantén viva a celebración dun ciclo ou dunha semán cultural unha vez ao ano. Esta parroquia lalinense leva máis de vintecinco anos organizando unha programación cultural para a veciñanza.