A Asociación de Mulleres e Familias de Ámbito Rural inicia un curso de manipulador de fitosanitarios e de informática
02 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Pese aos moitos anos de actividade, as socias do colectivo Amfar en Deza puideron tomar parte -por primeira vez- nunha excursión. «Sempre nos centramos en cursos formativos. Certo é que houbo algunha saída pero non desta característica», subliñou a secretaria da asociación Carmen Canda Larroy. Corenta e sete socias -de Lalín, Agolada e Dozón- participaron na denominada «Ruta de Baiona», unha das que se inclúe no programa «Coñece a túa provincia» que promove a Deputación de Pontevedra. Unha xornada na que as asociadas, acompañadas pola secretaria do colectivo, visitaron a Fortaleza, a Virxe da Roca, o casco histórico da vila e a carabela. Todo elo despois dunha comida de confraternidade celebrada en Oia. «Foi unha grata experiencia para todas e non desbotamos voltar a repetila».
Á marxe da saída do pasado xoves, o colectivo está traballando na programación de actividades para os vindeiros meses. Algún curso formativo xa está pechado e comezará impartirse neste mesmo mes de outubro. O primeiro en arrancar será un de manipulador de produtos fitosanitarios, que se desenvolverá na aula de Caixanova en Lalín e nas instalacións da cooperativa Aprodeza. As clases darán comezo o 18 de outubro, e rematarán o 27 cun exame en Sergude -ao que deberán de presentarse os asistentes ao mesmo-. «É un curso de trinta horas, de nivel básico, que vai capacitar ao alumno no manexo de calquera produto fitosanitario. É importante salientar que na actualidade xa é obrigatorio estar en posesión do carné de manipulador de produto fitosanitario á hora de sulfatar, por exemplo, unhas hortalizas. Cando entras a mercar un determinado produto fitosanitario tamén che poden pedir o carné. Certo é que non é aínda unha práctica habitual por aquí». Un curso no que poderán participar un máximo de 25 persoas. Por outra banda, o centro social de Madriñán (Lalín) converterase nunha ampla aula de informática, polo menos por un tempo, ao ser o sitio escollido pola asociación para impartir un curso de informática. «Terán prioridade as socias da parroquia e se quedan prazas libres, ata completar as 15 que hai en total, poderán participar asociadas doutros lugares. Como as mulleres teñen que muxir, atender aos maiores que teñen na casa, aos fillos e as ceas non comezarán as clases ata as nove da noite, e rematarán ás doce». O profesorado encargado do curso porá a disposición do alumnado os ordenadores.
Amfar foi seleccionada polo Ministerio de Agricultura para desenvolver un proxecto piloto denominado «Estar bien» e pediu cursos de agricultura ecolóxica, enerxías renovables e creación de empresas.