«A narrativa permíteme camiñar con liberdade»

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

«Máis vidas» é a última publicación de Vázquez Pintor, que presentou onte no Museo Municipal Ramón Aller de Lalín

25 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946) presentou onte no museo lalinense a súa última obra, «Máis vidas», que recolle -segundo o autor- unha obriga.

-Chegou unha etapa da miña vida na que lle ollei as orellas ao lobo por motivos de saúde e emprendes unha volta atrás. Sentes que é preciso escribir algo máis. Foi realmente unha terapia respecto da miña doenza. Escribín as miñas débedas ao longo dunhas 170 páxinas, que creo que son as que ten o libro.

-¿Fíxoo de corrido?

-Nesa terapia que precisas, comezas algo e continúas. Escribes sin descanso. Persoalmente tiña unha urxencia de escribir e foi un desafogo enorme. Non che podería decir con exactitude o tempo que me levou escribir este libro pero non foron moitos meses, e dende logo que sempre dun xeito moi continuado. Necesitaba e precisaba facelo. Foi unha satisfación ver a obra rematada.

-¿É un libro moi extenso?

-Son 63 capítulos, os mesmos anos que teño. Había dous capítulos máis pero optei por sacalos. Eran sobre os touros, bastante agresivos por certo, e como xa era un tema que tratei en profundidade no libro «A Memoria do Boi» que veu a luz no ano 2001, decidín eliminalos desta obra. Bastantes enfrontamentos políticos suscitaron os touros nestes últimos anos...

-Unha vez rematada a obra, ¿e habitual correxila?

-Non corrixo a narrativa. Considero que perde a frescura que presenta.

-Comezou con poesía: «Gándaras» (1971) e «Terra e pan». No 1977 publica o primeiro relato, «De ida e volta», crea o grupo Ancoradoiro de teatro, exerce como columnista en varios xornais, ¿deste amplo abano de facetas cal é a que máis lle agrada?

-Onde máis difruto é coa narrativa. A narrativa permíteme camiñar con liberdade. O versote ten as súas esixencias particulares pero non escapo del... Sempre fun e continúo sendo un aprendiz de poeta. E dentro dos meus traballos misturo narrativa, poesía, relatos...

-«Máis vidas» xa se deu a coñecer ao público noutras vila galegas e seguirá levando a cabo esta tarefa promocional pero á par ¿xa está con outro proxecto?

-Certo é que xa estou con outro xoguete. É un libro que comecei hai cinco meses e que tiña aparcado no ordenador. Volvín a ler os sete capítulos que tiña feitos e a verdade é que me gustou e aí estou dándolle... Esta é unha aposta polo mundo da rebelión, que sempre fun un rebelde. Hai unha protagonista cun nome moi bonito, que non lle podo desvelar, e espero poder rematar este libro axiña e poder presentalo, claro.