A maxia da música en imaxes

Concha Pino SANTIAGO/LA VOZ.

DEZA

O fotógrafo compostelán vencellado a A Estrada expón unha escolma do seu traballo para o festival Via Stellae do 2009

04 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O festival de música Via Stellae incorpora nesta edición, que se estrea o próximo día 5, unha nova que recupera a memoria dos concertos celebrados o pasado ano en Compostela. É a mirada sensible e creativa á música e aos intérpretes do fotógrafo compostelán Fuco Reyes, recollida nas imaxes reunidas na exposición Interiores do Via Stellae. Imaxes dun festival, que se inaugurou na Aula de Cultura de Caixa Galicia na Carreira do Conde, onde se poderá visitar ate a clausura do acontecemento musical, o 28 de xullo.

Fuco Reyes non faltou a ningún concerto, ou a case ningún, e moveuse con sixilo nos ensaios, nos momentos de afinar claves, chelos ou o timbre da voz, entre bambalinas cando a música xa era en tempo real, contendo a respiración, sen facer ruído, con limitacións de luz nuns casos e coa sorte de que polas vidreiras de San Domingos de Bonaval entrara unha luz case máxica. «Foi moi emotivo, e paseino moi ben facendo este traballo. Foi como cantar mentalmente, esa é a idea».

O público afeccionado á música pode rememorar nesta exposición algúns dos concertos do Via Stellae do ano pasado, pero o que non asistiu gustará igualmente coa selección de 50 fotografías de 90 posibles que podían estar colgadas na sala, e que á súa vez son a escolma final dos centos de fotos que tirou Fuco Reyes coa súa cámara dixital. Recoñecerá o claustro de San Francisco, o teatro principal ou a igrexa de Bonaval.

Son como fotogramas a traveso dun buraco, íntimas, coa introspección do músico que afina e do tenor que ensaia. E coa frescura do que se fai sen público, cos grandes mestres da batuta en camiseta, con violonchelistas en deportivas, con grandes cantantes e relevantes intérpretes de costas á cámara, atentos ao seu, á música.

Fuco Reyes conta todo iso coa maxia daqueles momentos presa aínda da súa retina. Este fotógrafo combina o traballo profesional comercial, sobre todo de arquitectura, coa obra máis persoal e artística. Interiores foi un encargo do festival, pero asegura que resultou algo moi especial, «porque mestura o punto de vista profesional co persoal, e foi un pracer a liberdade que tiven para traballar». A experiencia volverase repetir este mes de xullo, «pero vouna abordar con outro enfoque, non porque á vista do resultado do que fixen o ano pasado non estea contento. Isto é o que quería facer».

Todas as fotografías expostas, a maioría a cor, son dixitais e teñen un mesmo formato, de 42x60, aínda que unhas son verticais e outras horizontais. Fuco explica que é así porque é o formato co que el pode controlar o proceso do principio ao fin. «Se fosen nun formato maior, que podía resultar moi ben, tería que mandar facer as copias a un laboratorio de fóra».