A hora das homenaxes

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LALÍN/LA VOZ.

DEZA

O Lalín conmemorou as vodas de prata do primeiro ascenso a Segunda B nunha gala na que a Radio Galega recoñeceu aos deportistas máis senlleiros do momento

18 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Castor, Tito, César, Gabriel, Luís, Pibe, Mosquera, Acevedo, Miguel, Juanín, Montoto, Antonio, Álvaro, Cerreda, Capi, Galán e Gelucho. Eses foron os nomes que onte se escoitaron con cariño e certa morriña dende as butacas do auditorio de Lalín. Eles foron os artífices dos primeiros aplausos con eco a Segunda División B que soaron no Manuel Anxo Cortizo alá pola tempada 84/85 da man de Julio Díaz no banquillo, e de Nicolás González Aller na presidencia, e eles foron os homenaxeados onte. O Lalín quixo render tributo aos homes que hai 25 anos puxeron ao club roxinegro no panorama futbolístico estatal, e para elo, nada mellor que a homenaxe onte transmutada en recoñecemento. Houbo palabras de cariño para o Lalín do ascenso, que o seu técnico resumiu a través da palabra talento, e tamén houbo verbas de alento para a travesía que agora inicia o club en Preferente.

Premios Galicia en goles

O tributo ao Lalín da Liga 84/85 non foi o único prato que se serviu onte no auditorio de Lalín. O ascenso roxinegro coincidiu no tempo co nacemento da Radio Galega, e do programa Galicia en goles ; unha escusa perfecta para facer coincidir na capital do Deza a entrega dos premios anuais do espazo radiofónico. Baixo ese reclamo, nomes senlleiros do panorama deportivo galego citáronse en Lalín e conformaron unha gala na que non todo foi fútbol. Ata a capital dezana achegáronse dende David Cal a Ezequiel Mosquera, pasando por Valerón.

No capítulo de premiados, houbo mencións especiais para o ciclista Óscar Pereiro, o olímpico David Cal, ou o Liceo Coruña, club máis laureado de Galicia. O porteiro do Deportivo, Daniel Aranzubía -recolleu o premio Valerón- foi o xogador destacado do Deportivo, e López Garai do Celta. Iago Iglesias, do Montañeros, recolleu o trofeo ao mellor xogador de Segunda B, e Denís, do Verín, da Terceira División. O colexiado Vilariño López foi seleccionado como o árbitro máis destacado da categoría, na que tamén houbo galardón para un dezano. O xogador do Ordes, Diego Otero, que recibiu o recoñecemento ao pichichi da Terceira galega grazas aos 21 tantos que anotou.

Houbo momentos sentimentais e amenos, pero a ovación da noite tivo nome propio, o de Manuel Anxo Cortizo. O presidente máis senlleiro do Club Deportivo Lalín viu recoñecido o seu traballo en prol do fútbol galego cunha mención especial e o afecto transmitido por todos os asistentes.