Aires viaxeiros para Vilatuxe

Amelia Ferreiroa

DEZA

A formación, que dirixe Víctor Vilariño, rexistrou catorce novas altas nestes últimos meses e prepara varios festivais

30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dende o pasado mes de xullo a Banda de Música de Vilatuxe ten como director a Víctor Vilariño. Un cambio na dirección que obedeceu, segundo o presidente Pedro Sánchez Cidre, a unha serie de renovacións levadas a cabo na formación. «Unha banda ten que evolucionar e nós apostamos por eso. O primeiro que fixemos foi ampliar a directiva. Unha banda require de tempo, hai moitos asuntos que tratar, de aí que pasaramos de oito a dez directivos. A maior parte das novas incorporacións son persoas novas. Logo veu o cambio de director e unha variación tamén na plantilla de músicos. Rexistramos catorce altas en pouco tempo», sentenciou o presidente da banda lalinense. Catorce novas altas procedentes, na súa maioría, da escola de música polo que na actualidade a banda suma 55 compoñentes, fronte aos corenta que eran antes. Músicos de idades dispares e procedencia local pero tamén de Forcarei, Lalín, Silleda e O Carballiño.

A escola de música de Vilatuxe, que a piques está de cumprir once anos de vida, está sendo un gran viveiro musical. «Das catorce altas que se deron na banda a maioría procedían da escola. E así ten que ser e continuar sendo. Temos 37 rapaces na escola que traballan duro, e que nun futuro, poderán ser integrantes da banda como sucedeu con outros compañeiros», explicou o presidente da escola Luis González Pichel.

Unha escola musical que aposta pola xente de aquí á hora de contratar profesorado, insistiu González Pichel. «Temos catro profesores impartindo solfeo, outro para clarinete, saxo, flauta, trompeta, percusión...Certo é que xa nos gustaría dispór de máis orzamento para contar con máis profesorado. Cos tempos que corren facemos o que podemos, e creo que as cousas están indo bastante ben». Os seguidores da formación terán oportunidade de escoitala mañán sábado, ás 19.30 horas, no Auditorio de Lalín no primeiro dos Concertos de Primavera que promove o concello lalinense. «Un concerto adaptado ao público. Escoitarán o que lles gusta, temas variados», subliñou Pedro Sánchez. E despois deste concerto haberá tempo para seguir traballando nun renovado repertorio musical e continuar enchendo a axenda de festas de verán. «Xa temos pechada a nosa participación no certame de bandas en Ribadavia en setembro e para outubro estamos a sopesar dúas opcións: acudir a un festival de bandas en Zaragoza ou a outro en Guimaraes (Portugal). De momento non temos nada decidido».