«Lalín é a escola que ten menos índice de abandono»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Preto de oitenta alumnos participarán nos festivais de fin de curso, que se están preparando xa na capital dezá

06 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Deputación de Pontevedra aprobou recentemente a contratación do servizo que fai posible que os mozos da provincia poidan acceder á formación na música tradicional galega, por importe de algo máis de 137.000 euros. As clases, que corren a cargo da Asociación Galega de bandas de gaitas e Percusión da provincia de Pontevedra, véñense celebrando no Salnés, Pontevedra, Vigo e Lalín. Á escola da capital dezá acoden case setenta alumnos.

-Son 68 exactamente os que temos na actualidade. Aínda que noutras prazas o volume é máis importante -respecto ao número de matriculados-, Lalín é a escola que ten menos índice de abandono. É un dato cando menos curioso pero real. Recentemente mantiven unha reunión cos mestres que imparten clases nos distintos puntos da provincia é comentamos este feito. Oferta musical hai moita pero o noso alumnado é moi fiel, cuestión que agradecemos profundamente.

-Os alumnos están recibindo formación en gaita, percusión, zanfona e pandeireta, ¿en Lalín, tamén?

-Na escola de Lalín, de momento, non impartimos zanfona. Só se están dando clases dese instrumento en Vigo pero non descartamos facelo en vindeiros cursos nas outras escolas, como na de Lalín.

-Cal é o instrumento con máis matrículas en Deza?

-O máis demandado segue sendo, sen dúbida, a gaita. O maior número de alumnos está concentrado en dito instrumento. A gaita é o instrumento rei na escola. Certo é que estamos rexistrando unha importante demanda de persoas interesadas en saber tocar o acordeón. De momento, e por cuestión de presuposto, non puidemos incluir esa oferta formativa. Está o tema pendente. Unha vez o poidamos pór en marcha así o faremos para dar resposta á demanda do alumnado.

-Á marxe das clases habituais preparan concertos e exposicións...

-En Nadal fixemos saídas. Un grupo de alumnos estivo na residencia Geriatros ofrecendo un concerto aos residentes. Foi unha experiencia moi gratificante para os chavales e actualmente xa estamos comezando a programar os festivais de fin de curso. Por outra banda co gallo de complementar e mellorar a formación dos mozos imos contar cunha serie de concertos didácticos. Está previsto que gaiteiros de pretixio coma Budiño, Anxo Lorenzo, Óscar Ibáñez ou Patrick Mollard pasen polas escolas a impartir concertos. Haberá tamén exposicións de instrumentos de música tradicionais de Galicia, charlas didácticas que correrán a cargo do mestre artesán Dionisio Aboal e talleres de construcción.