Un peregrino en Lalín

La Voz

DEZA

Carlos Blanco trae mañá ao Salón Teatro un achegamento ao Camiño de Santiago que garante humor e diversión

25 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Salón Teatro de Lalín promete mañá venres humor e diversión: Carlos Blanco trae o seu último espectáculo, , un particular achegamento ao Camiño de Santiago no que recupera o monólogo sobre Compostela que o situara na segunda posición no Club da Comedia, por detrás de Eva Hache. Blanco presentou onte o espectáculo recén chegado de Arxentina e «encantado de vir ao centro do país: Lalín é o centro, e o resto é periferia» sinalou ofrecendo eslogan alternativo ao gastado Quilómetro Cero. Engadiu con sinceridade que ven con moita ilusión para a actuación de mañá «porque ao público de Lalín débolle unha», explicando que o pasado ano no seu espectáculo con Manecas Costa tiveron problemas técnicos que os fixeron sentir incómodos en escea «e para resarcir, na seguinte hai que bordalo, superarte e facelo mellor».

E iso é o que promete: unha hora e cuarto de Carlos Blanco en estado puro, de humor, de diversión, de complicidade co espectador, de amosar a cara cómica do día a día. Nesta ocasión, co Camiño de Santiago como fío conductor, non na súa vertente trascendente senón cribado pola peneira da retranca. Na presentación xa deixou unha pista de por onde vai: «Fixen o camiño, o Francés, e ao rematalo sempre ven alguén e che pregunta: '¿Te encontraste a ti mismo?' 'Pues no, pero no me maté a buscarme'».

A actuación de Blanco está xerando expectación en Lalín, con 60 localidades xa reservadas e chamadas de xente interesada. O actor sinala que é unha constante desde que estreou o pasado verán en Lugo, cun cheo absoluto que tamén se veu refrendado en Narón e co abarrote do Principal de Santiago en dúas xornadas consecutivas. Amosouse especialmente contento do éxito desta montaxe «nun momento complicado economicamente, porque cando os concellos arriscan e poñen unha entrada alta, teñen beneficios, e se como en Lalín a poñen a un prezo máis módico, non perden cartos».

En taquilla e reserva previa

A representación de comezará mañá ás 21.30 horas: as entradas poranse á venda unha hora antes en taquilla, a 3,5 euros e 2 para estudantes. Tamén se poden reservar no 986 78 40 04, de 10 a 14 horas e de 18.30 a 20.30. A concelleira de Cultura, Nuria Rodríguez, bromeaba dicindo que Blanco ven tanto por Lalín que habería que empadroalo: se o actor soubese que ten todo o abecedario para elexir, da rúa A á rúa Z, igual se animaba; por atoparse, alomenos no enderezo, como quen xoga aos submariños.