O premio de pintura escolar Mestre Laxeiro chega a súa oitava edición con máis de 19.000 traballos ás súa costas
05 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A oitava edición do premio de pintura escolar Mestre Laxeiro xa está en marcha. O certame bianual, organizado polo Concello de Lalín a través do museo municipal Ramón María Aller, foi presentado onte na capital do Deza pola edil de Cultura, Nuria Rodríguez, o patrocinador do galardón, Alfonso Iglesias, e os comisarios da mostra, Damián Paio, e Cecilia Doporto. Unha decena de directores e docentes de colexios e institutos da comarca acudiu tamén á presentación do certame, dirixido aos 3.093 alumnos que cursan estudos nos 19 centros escolares da comarca.
Arredor de 19.000 traballos presentados, e preto de 2.000 expostos son algunhas das cifras que aportou a edil Nuria Rodríguez para dar testemuño da relevancia do premio de pintura escolar Mestre Laxeiro dende o seu nacemento. Rodríguez destacou o interese que xera o premio, e agradeceu o patrocinio íntegro de Iglesias, así como a colaboración e implicación dos centros escolares do Deza. A oitava edición do certame conserva os obxectivos de potenciar as actividades socio culturais entre os máis novos, incentivándoos na creación plástica, e buscando novos valores. O premio serve así mesmo como canle para dar a coñecer entre a mocidade os nomes máis senlleiros da plástica nados no Deza: Colmeiro e Laxeiro.
O espónsor do certame, Alfonso Iglesias, aproveitou a presentación do premio para sinalar a súa importancia, e incidiu en que o galardón dezano supera xa en número de participantes e en calidade a outros similares celebrados noutros puntos de España. Iglesias lembrou que os 14 anos que transcorreron dende a posta en marcha do premio Mestre Laxeiro viron madurar aos seus primeiros participantes, confiando en que lembrarán a súa participación no certame dentro da súa etapa formativa. Alfonso Iglesias, ao igual ca Nuria Rodríguez, agradeceu a implicación dos docentes, e fixo mención especial ao alcalde de Lalín.
Calendario e premios
Ao longo do mes de abril un xurado composto por Paco Lareo, Armindo Salgueiro, Paío, o concelleiro de cultura do respectivo municipio, e un mestre, seleccionarán en cada centro escolar as obras que optarán aos premios e que formarán parte da exposición que se organizará no museo Ramón María Aller. O 7 de maio un xurado integrado polos expertos Manuel R. Moldes, Javier Chavete e Marica López Calderón, fallarán o premio, para, posteriormente, inaugurar a exposición e facer entrega dos galardóns. En total, o certame repartirá 1.620 euros en premios individuais, ademais de premios de 600 para os centros pola calidade da obra en conxunto para cada unha das tres categorías.