«Abrimos nova campaña para aumentar matrículas»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Dez nenos do casco urbán lalinense asisten a clases no CEIP Varela Buxán pero a Anpa quere incrementar a cifra

25 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Coincidindo co inicio do actual curso académico, a Anpa do Colexio Varela Buxán de Cercio artellaba unha campaña informativa co gallo de incrementar o número de matrículos no centro educativo. A iniciativa acadou resultados positivos de aí que o colectivo volte a pór en marcha unha campaña de semellantes características.

-¿Como valora a campaña pasada?

-Como moi positiva, máis se temos en conta que se fixo dun xeito bastante precipitado e a escasos quince días para que comezasen as clases. Pese a todo os resultados foron satisfactorios e conseguimos que dez nenos do casco urbán lalinense estén matriculados en Cercio. Agora abrimos nova campaña para aumentar matrículas. A nosa idea é ir subindo en número todos os anos.

-¿Que levou aos pais a matriculalos en Cercio se residen no casco urbán?

-Unha das problemáticas que teñen os pais é a falla de prazas nos comedores escolares. Os proxenitores precisan, por cuestións de traballo, deixar aos seus fillos a comer ao mediodía nos centros e se atopan con que non hai sitio. En Cercio non temos ese problema, para nada. É máis, o centro case é máis unha familia cun colexio.

-¿O servizo de comedor é de balde?

-É de balde o comedor e tamén o transporte escolar. Os nenos do casco urbán son recollidos todos os días na Rúa Areal e o transporte os leva ao centro. Unha vez rematadas as clases voltan para Lalín. Neste curso académico saen de dita rúa xa que así se acordou cos pais pero se podería buscar outro emprazamento para o vindeiro curso se os pais así o deciden. Estamos abertos a escoitar todas as suxerencias que se fagan ao respecto.

-¿Cantos alumnos teñen na actualidade no centro?

-Había unha previsión de matrícula de 32 rapaces, conseguimos dez máis, polo que o censo final é de 42 matriculados. Esperemos que para o vindeiro mes de setembro sexan bastantes máis. Se pensamos que en Cercio a matrícula chegou aos douscentos rapaces...

-¿En que cursos hai menos matriculados?

-Nos cursos de 1º e 2º é onde hai máis carencias de matrículas pero temos as portas do colexio abertas a todos os que desexen vir, de calquer curso.

-¿A partires de cando se poden formalizar as inscricións?

-Dende o 1 de marzo, que é a data de apertura do prazo de matrícula para o curso 2010/2011. Nos vindeiros días comezaremos a colocar carteis informativos para que todo o mundo saiba da posta en marcha desta campaña.