O respeto que sempre sentín e sinto por Carme Fidalgo, coma concelleira e coma persoa, non me impedirá debatir, unha vez máis, os asuntos da xestión local e marcar esas diferenzas ideolóxicas ou de criterio político que é evidente existen.
Creo señora Fidalgo, que é unha insensatez pola súa parte entrar nunha análise de carácter inversionista por parte das distintas administracións en Silleda, porque é unha batalla que ten perdida de antemán; unicamente temos que mirar o noso entorno e preguntar de quen son as obras. O Partido Popular pode, sen dúbida, mostrar orgulloso un currículo onde destacan as inversións que marcaron o crecemento de Silleda; nos demais, buscando moito, atoparemos, coma moito, algunha declaración de boas intencións.
A Semana Verde de Galicia, as importantes infraestructuras de comunicación, o polígono industrial, o Parque de Bombeiros, os servizos sanitarios, centros educativos, etc. son algúns poucos exemplos do traballo do Partido Popular en Silleda; pode vostede informarnos da aportación do BNG-PSOE a Silleda nos últimos catro anos?
Unicamente o recurso da terceira fase do Parque empresarial Area 33 acude a súa memoria, a cal debemos refrescar. Nada mais tomar posesión do goberno da Xunta de Galicia o bipartito, solicitei, como alcalde que era entón, unha entrevista co xerente de Xestur, que como sabe correspondía ao BNG, para solicitarlle a posta en marcha de inmediato da terceira fase do polígono xa que dúas importantes empresas -Nudesa e Cometal- demandaban solo industrial con carácter urxente. A resposta do xerente de Xestur -a quen debo agradecer as súas correctas atencións- foi clara: non existe problema porque o máis difícil e engorroso está feito, coma as expropiacións e o plan parcial, senón xa sería imposible. Evidentemente o máis difícil xa o deixara feito o Partido Popular.
Fala tamén vostede do Plan Xeral, que vai adaptado a cada alcalde/sa que pasa polo concello. Eu coma alcalde non fixen ningún Plan Xeral a pesar de que vostede dende a oposición pedía a súa inmediata aprobación e suspensión de licenzas. Grazas a facer caso omiso das súas advertenzas, Silleda foi a protagonista do máis importante crecemento que se recorde, aínda que dudo que eso sexa o máis importante para vostedes, a pesar de que ten moito que ver co interese xeral da maioría da poboación.
Tamén hoxe me sinto satisfeito, despois de comprobar que o seu compañeiro, Matías Rodríguez, e polo tanto o BNG, poña en marcha un debate sobre o Mosteiro de Carboeiro, tras catro anos, coa Consellería de Cultura nas mans deste partido, sen escoitar a mínima referencia do señor Matías, seguramente para non alertar de que o olvido e abandono eran totais por parte dese goberno que xa pasou á memoria histórica e que tanto defenden. Haberá debate, teña a seguridade.