Área 33. Cuestión de ineptitude

Carme Fidalgo Colmeiro

DEZA

Desde a miña humilde posición pediríalle ao goberno municipal que deixe de facer política de cara á galería e se poña a facer algo serio por Silleda. Xa son moitos os anos de tontería e a algúns xa estamos cansos.

Nesta situación de crise económica que nos afoga é pouco serio ler a prensa e ver que, ante ineptitude das distintas administracións no tema do parque empresarial de Silleda, a alcaldesa bótalle as culpas á anterior e a Xunta bótalle as culpas ao bipartito.

O principal problema para que Silleda non estea incluida no Plan de Solo Empresarial de Galicia até o 2015, só é imputable aos distintos alcaldes e alcaldesas que ostentaron o poder. Temos que recordar que o concello de Silleda leva desde o ano 1993 redactando un PXOM, con subvencións da Xunta todos os anos. Salgueiro estaba facendo un a súa medida, chegou Roucho e cambiouno á súa medida, chegou Paula e cambiouno á súa medida e agora Ofelia tamén o terá que cambiar á súa medida. Así levamos 17 anos nos que os únicos beneficiados son os técnicos que o redactan que cobran puntualmente por facer riscos por aquí, riscos por alí ao son que lle marca quen goberna. Son moitos os intereses que se moven detrás dun PXOM. Ningún deles tén nada que ver co interese xeral da inmensa maioría da poboación, pero si teñen moito que ver cos intereses particulares dunha inmensa minoría. Ese é o problema: cada un que chega quere beneficiarse a si mesmo e aos seus. Se non fose por iso, o PXOM xa estaría feito hai moitos anos e como consecuencia a construcción no rural non estaría paralizada, habería solo industrial para estar incluídos no Plan Solo Empresarial de Galicia, habería máis solo urbanizable co que as vivendas non serían tan caras, etc.

Por outra banda, sorprende que Ofelia Rey diga que o principal problema para non ampliar o parque empresarial é a débeda deixada polo bipartito. A Consellería de Vivenda e Solo (dirixida polo BNG durante o bipartito) ampliou o parque empresarial de Silleda nun tempo record, en base a unha demanda urxente de solo por parte do empresariado silledense. O problema foi que cando as parcelas estaban listas para a venda fíxose evidente a crise que se negaba. Os bancos deixaron de dar crédito e os empresarios non tiveron financiamento para acceder aos terreos nin para poder construír. Os cartos que o bipartito investiu no polígono recuperaranse cando se abra o crédito e os empresarios teñan financiación para mercar as parcelas. A este respecto temos que decir que cando en Madrid se aprobou darlle cartos públicos ao sistema financeiro foi cos votos do PP e PSOE. Agora as entidades teñen os nosos cartos, pero non abren o crédito porque están saneando as súas propias contas.

Despois dun ano de goberno do PP na Xunta, á que accedeu logo de pregoar que ían sacar a Galiza da crise en seis meses, o único que fixeron foi desfacer o que había feito, porse de brazos cruzados e botarlle a culpa ao bipartito e ao goberno do Estado. Hai que lembrar que o bipartito só gobernou Galiza tres anos e medio. Aínda que quixeran é imposible que deixaran tanto pufo. Xa non cola sres da Xunta, sres do Concello. Non son as débedas. É a ineptitude xeralizada da clase política do Estado, da Xunta e do Concello.