As obras de Buxán en curtas

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Escola de Teatro de Lalín gravará todas as creacións do escritor. Comezou a gravación de «O cego de Fornelos»

20 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Escola Municipal de Teatro de Lalín xa está presentando ao público unha parte do traballo realizado nestes últimos meses, a través de representacións «aínda que o groso se irá vendo dentro dun tempo», salienta Xosé Manuel Ogando -responsable da escola lalinense-.

Trátase da duodécima tempada da escola lalinense e pálpanse ánimos renovados, a xuizo de Xosé Manuel Ogando, debido fundamentalmente ao contacto directo que os actores están mantendo cos audiovisuais. «Na pasada tempada comezamos a usalos, pero non todos os grupos de teatro o fixeron. Nesta tempada, sí. Os integrantes dos distintos grupos están aprendendo a editar, a facer curtametraxes e a elaborar documentais. Os actores comproban as diferencias entre teatro e ver as súas representacións en pantalla. A maioría dos grupos, que están na Escola Municipal de Teatro de Lalín, apostaron por facer curtametraxes e algunha parodia de programas de televisión. Tamén se están elaborando documentais sobre animais: cans e gatos son, ata o momento, os protagonistas».

Unha tempada na que a Escola Municipal de Teatro de Lalín pretende gravar obras do dramaturgo Daniel Varela Buxán en curtas. «A idea é gravalas todas. Non o poderemos facer nunha soa tempada. É un traballo a medio, longo prazo pero xa se está comezando. O grupo máis veterano da escola, A Pedreira de Palmou xa está gravando agora a obra «O cego de Fornelos. A miña intención é facelas todas pero coa máxima calidade posible».

Á marxe de dirixir e coordinar os ensaios de todos os grupos de teatro do municipio, existentes nas parroquias, en centros educativos e institutos, Xosé Manuel Ogando segue a darlle forma ao segundo musical que ten entre mans. «O musical vai despacio. Queremos que sexa moi seguro. As escenas están listas e só falta sincronizar cancións, música e a posta en escena. Estamos agora tamén dándolle voltas os videoclips das cancións e ao disco que queremos sacar á par co estreo do musical. Por outra banda faltan recursos económicos para a confección do vestiario dos participantes. Estamos aforrando para xuntar o diñeiro que precisamos para elo».

A gravación do disco, equipo de son, montaxe e decorado «supón un desembolso bastante importante. Non sei exactamente de que cantidade precisamos, pero de bastante porque estamos falando dun musical que reúne a moito persoal entre actores, músicos, coro e equipo técnico. Por iso estamos indo con bastante tranquilidade, sin darnos moita presa, pero coa idea de estrealo no 2010».