Estimados membros da Real Academia da Lingua Galega: dende as asociacións culturais A Carballeira de Cercio e grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio, queremos a través desta carta expoñerlles o que nós vemos como unha inxustiza. Seguramente todos vostedes coñezan a obra de D. Manuel Daniel Varela Buxán, e seguramente vostedes tamén sexan coñecedores do respeto e do traballo que este dramaturgo fixo a prol do galego e da súa difusión. Pois ben, non sabemos si este traballo e aposta pola escritura en galego foi recoñecida suficientemente. Consideramos que é unha inxustiza que o home que escribiu para o pobo chan, que o escritor que achegou o teatro galego á aldea non fose aínda recoñecido coas Letras Galegas.
Certo é que Varela Buxán non publicou moita da súa obra, tal vez porque a morriña pola súa terra o fixo voltar a Galicia a exercer de practicante cando os éxitos na diáspora eran continuos, ou tal vez porque nunca se soubo facer publicidade a si mesmo, pero o que ninguén lle pode negar a este gran home, é a importancia que tivo no desenrolo da cultura galega. El foi o home no que confiou Castelao para dirixir e por en escea a obra raiña do teatro galego «Os vellos non deben de namorarse» e el foi o fundador e impulsor da primeira compañía de teatro galego. Ninguén debería esquencerse do traballo que fixo este home, xunto con actores recoñecidos como Fernando Iglesias Tacholas , ou a súa primeira muller Maruxa Villanueva, por manter o galeguismo en Hispanoamérica e por, a pesares dos avatares da ditadura loitar porque o pobo xa en Galicia se rebelara e seguira lendo, escribindo e falando en galego.
Dende as asociacións antes mencionadas, non queremos que esta carta se entenda como un reproche, pero si como un recordatorio dun escritor e persoa que se merece ese recoñecemento. Dende as asociacións estaríamos dispostos a promover a súa candidatura, si fose preciso, sobre todo se fose obrigatorio para que se outorgase ese recoñecemento, pero ata que punto é xusto? Acaso Castelao, Otero Pedrayo, Blanco Amor, etc. necesitaron da mesma? Non estamos esaxerando, cremos de verdade que D. Daniel está á altura, senón literaria, si humana destes grandes escritores, e estamos convencidos que estes se aledarían de que un «amigo» formara parte do firmamento de escritores ilustres do que eles xa forman parte.
Sen máis, un atento e agarimoso saúdo, Asociación Cultural A Carballeira de Cercio; grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio; Asociación Mulleres en Igualdalde de Cercio.