Medelo, un soño para Cogami

Amelia Ferreiroa

DEZA

Cogami conta con once persoas en lista de espera ao non dispór de espazo suficiente. Medelo porá solución á eiva

14 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) conta na zona con dous centros -en A Estrada e Lalín- nos que se desenvolven actividades cotiás cos usuarios. O pasado 1 de setembro voltaban a abrirse as aulas despois da paréntese vacacional con 22 persoas asistindo aos talleres. «Mantemos o número de usuarios do pasado ano. Iso non quere decir que non teñamos máis demandas rexistradas pero non podemos atender a máis persoas por falta de espazo e tamén de persoal», asegura a coordinador de Cogami na zona Fina García. Actualmente once persoas agardan turno para acceder ás actividades que organiza a confederación. «Unha vez que Medelo esté rematado non teremos problemas de espazo. É un centro integral no que haberá moito máis volume de xente, un horario máis amplo, ximnasio, un logopeda e máis e mellor asistencia aos usuarios. As obras no edificio estanse a realizar e ogallá que para finais de ano estén rematadas e poidamos contar xa coas instalacións. Outro dos problemas cos que nos vimos atopando é o espallados que están os nosos usuarios pola zona e o contar cunha única furgoneta para ir a recollelos. Non é doado. Ir á mañán por eles e deixalos despois das actividades. Se contaramos con máis medios de transporte...». Pero namentras Medelo non está rematado, séguese traballando cos usuarios nos dous centros de referencia que posúe a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. «Continuamos unha mesma liña de traballo pero aumentando as actividades dentro e fóra da aula. Temos oito usuarios nun curso de xestión de comercio en Cuntis, recén rematamos un curso de afectividade e autocoñecemento, imos á piscina, temos a Escola de Pais e todos os talleres nos que participan activamente: de lecto-escritura, manualidades, informática...».

A Escola de Pais volta tamén a abrir as portas. Para o 29 deste mes está fixada unha reunión cos pais de todos os usuarios para comezar a ollar as cuestións que desexen sexan abordadas en dito espazo. «Eles nos prantexan os temas e nós tentamos dar co especialista que mellor pode responder as súas dúbidas. O abano de inquedanzas é moi amplo: sexualidade, pensións, residencias, cuestións xudiciais... Profesionais do Centro Quérote abríronlle moitas ventanas aos pais e resolvéronlles moitas dúbidas».

Pero Cogami programa tamén festas: a do Samaín, que se celebrará a finais deste mes de outubro na que se xuntarán todos os usuarios de Silleda e de A Estrada e mesmo lle están dando voltas a facer un magosto fóra, noutra localidade.