«Imos volcarnos en proxectos que xeneren emprego»

Amelia Ferreiroa

DEZA

O GDR está incorporando a equipa técnica para, en setembro, abrir o prazo de presentación de proxectos

24 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No polígono industrial Lalín 2000, compartindo espazo coa aula da UNED, está a equipa técnica do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras do Deza. A súa xerente é a viguesa Elena Fernández Antonio.

-A cotío se fala do GDR pero, ¿existen dúbidas sobre os seus obxectivos?

-Pode que se descoñezan. O GDR é algo moi sinxelo. É un programa no que se unen asociacións dunha comarca para desenvolver proxectos. É un programa Leader no que a xente participa, e que se clasifica por mesas sectoriais cuxos integrantes van traballando en cada un dos apartados. Logo se fai unha posta en común de todo o que se aborda en cada mesa sectorial.

-¿Quenes participan no Grupo de Desenvolvemento Rural?

-Poden participar concellos e entidades privadas, ademais de organizacións como poden ser as cooperativas agrarias ou as comunidades de montes. Unha empresa, a título individual non tén cabida, pero sí a través dun colectivo na que esté representada dita firma. Salientar que máis do 50% da asemblea xeral deben de ser asociacións privadas, e na actualidade temos en rexistro máis de 200 entidades que apoian o proxecto de posta en marcha do GDR. Os resultados son absolutamente magníficos. A cantidade de persoas interesadas neste proxecto é extraordinaria.

-¿En que fase están agora?

-Estamos, dende principios de xullo, na fase de incorporación da equipa técnica. En vindeiro días irá chegando a infraestructura e despois -antes da apertura da convocatoria para presentar proxectos- haberá que revisar todo o programa de valoración e de puntuación de proxectos. Require unha importante preparación antes de abrir a convocatoria para logo repartir o máis axeitadamente os cartos que nos cheguen dende Europa.

-¿Quenes se poderán beneficiar destas axudas?

-Calquera persoa física se poderá beneficiar de axudas ao igual que entidades públicas ou comunidades de montes. Imos volcarnos en proxectos produtivos que xeneren emprego na zona. Proxectos con viabilidade económica e no tempo. Ben é certo que tamén se destinarán axudas a outros proxectos non produtivos que teñan que ver coa etnografía, cultura, rehabilitacións...

-¿De canta financiación estamos a falar?

-Intentaremos que a iniciativa se financie ate un 40%, e a outra parte terá que buscarse a través da iniciativa privada. Centos de posibilidades poden ser financiables. Para Deza virán inicialmente 4,5 millóns de euros dos 1.400 millóns que chegarán a Galicia en 6 anos, e mesmo se podería optar a recibir un millón máis.