O Club Deportivo Lalín finalizou a tempada de Liga como sexto clasificado, a once puntos do cuarto, cun gran balance defensivo, e unha rácana bagaxe ofensiva
19 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Club Deportivo Lalín puxo punto e final en Narón á tempada ligueira 2008/09. A derrota do conxunto que adestra José Manuel Alonso Acevedo ante o Balompé Piñeiros privou ao equipo lalinense da quinta praza, e deixouno ocupando un digno sexto posto na clasificación. As aspiracións e ilusións de repetir a exitosa tempada pasada quedáronse a medio camiño nunha campaña que se lle foi poñendo costa arriba aos lalinenses a medida que as baixas e lesións facían acto de presenza.
O conxunto que prepara Acevedo conclúe o campionato con 13 vitorias, 14 empates e 11 derrotas que o deixan con 53 puntos en total, os mesmos có Coruxo, que é sétimo. A sexta praza que ocupa o Lalín sitúa aos pupilos de Acevedo a 11 puntos do cuarto posto da táboa, ocupado polo Cerceda con 64 puntos, e que foi o último equipo en conseguir o pasaporte para disputar a fase de ascenso.
Os catro postos de privilexio desta campaña repártense entre un Compostela que chegou de Preferente, pero que cumpre a súa meta de pelexar por subir a Segunda B; un Montañeros que se reforzou en todas as liñas a primeiros de tempada con 15 efectivos; un Ourense que pelexará por retornar á división da que procedía, e un Cerceda que a campaña pasada se quedara xa ás portas de loitar polo ascenso.
Xunto co Lalín, os outros dous equipos que pelexaron a Liga pasada polo ascenso, o Coruxo e o Narón, viron tamén esta campaña como os seus resultados non eran suficientes para repetir na fase de ascenso, posto que o Narón pasou de ser terceiro a situarse quinto, e o Coruxo, que a Liga pasada rematou cuarto, desta volta foi sétimo. En canto a puntos, o Lalín 08/09 asionou 25 puntos menos cá Liga pasada.
Faltou gol
A falta de gol presentouse como unha constante do equipo de Acevedo durante toda esta campaña, e basta botarlle unha ollada ás estatísticas para ver como as carencias ofensivas do equipo resultaron definitivas. Nas 38 xornadas desta Liga o Lalín asinou 36 goles a favor, o que fai un promedio de 0,9 goles por partido. A campaña pasada, cando o Lalín se converteu no equipo revelación da Liga, rematando segundo e disputando a fase de ascenso, os pupilos de Acevedo conseguiron subir ao seu casilleiro 60 dianas, facendo unha media de 1,5 goles por partido. Mesmo na campaña 2006/07, cando o Lalín se asegurou a permanencia na última xornada, o equipo roxinegro anotara máis goles, concretamente 48, cun promedio de 1,2 tantos por cada encontro disputado.
Na tempada que vén de rematar, a falta de gol sitúa ao Lalín como o terceiro equipo da Liga que menos dianas converteu, por detrás de Gran Peña (29) e Céltiga (34), e empatado con Pontevedra B, Portonovo e Ordes. Lonxe quedaron esta campaña os 5 goles de Cuqui e David Soares (máximos anotadores do Lalín), dos 14 que firmou Soares a Liga pasada, cando non se viu perseguido polas lesións.
Balance defensivo
Unha vez máis, o carácter defensivo do Club Deportivo Lalín resultou fundamental para que o seu balance no cómputo xeral o sitúe na zona alta da clasificación. O conxunto que prepara José Manuel Alonso Acevedo encaixou esta campaña un total de 37 goles que o sitúan como o segundo equipo con menos goles en contra, por detrás do Compostela, que encaixou 26. O traballo defensivo dos pupilos de Acevedo nesta Liga veu dar continuidade á campaña pasada, na que os lalinenses encaixaron 33 goles, só 4 menos ca esta tempada. Lonxe quedaron os 79 goles encaixados na Liga 2006/07, e que case envían aos dezanos a Preferente. Desta volta, zona templada para un equipo que soñou ata a xornada 36.