Experimentar co audiovisual

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Escola de Teatro de Lalín estreará o día 12 un proxecto de intercambio de experiencias teatrais entre grupos

06 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Escola Municipal de Teatro de Lalín porá en marcha o vindeiro martes, a partires das 18 horas, o seu proxecto audiovisual en coordinación coa Rede de Telecentros de Galicia que suporá unha ampliación das actividades que ven desenvolvendo dita escola. «Lalín conta cunha aula de audiovisual que non se usa moito e, dende a escola de teatro, pensamos que se lle podía sacar moito máis partido. O que pretendemos realizar son prácticas de dición que servirán para completar os ensaios que vimos facendo e aproveitando tamén para gravar determinadas escenas de obras. Posteriormente se proxectarán e iso nos permitirá ver fallos e tentar correxilos», explica o director da escola lalinense Xosé manuel Ogando Montes.

O vindeiro 12 de maio arrancará este proxecto cunha videoconferencia cun grupo de rapaces do IES de Chapela. «Os mozos de alí realizaron un traballo sobre Ramón Piñeiro- a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas- e van a expoñelo. Nós imos presentar unha pequena obra de teatro, que porá en escea o grupo Luz de Estrelas. Para rematar a videoconferencia levarase a cabo un coloquio sobre teatro e sobre a situación do galego hoxendía». Pero o proxecto non quedará aí só cunha presentación e unha videoconferencia senón que continuará no tempo. «A idea é que todos os grupos de teatro da Escola Municipal -de maneira individual ou por grupos- realicen experiencias co audiovisual. Queremos coñecer o que fan outras escolas de teatro, realizar intercambios con elas -se é posible- e ir ampliando as actividades da nosa escola».

Agrupacións de teatro do termo municipal xa están agora mesmo preparando proxectos para expandilos a traveso de videoconferencia e achegalos a outros compañeiros da comunidade. «Temos catro proxectos que están tomando corpo. Non son longos, duran así coma dez minutos, e son documentais. A idea orixinal é amosar as parroquias do municipio lalinense, as prazas que existen na vila e logo tamén se están facendo prácticas coa gravación dun corto. O importante é que temos unhas ferramentas importantes como é a aula do audiovisual do auditorio é hai que aproveitala. O achegamento ás novas tecnoloxías está espertando grande interese entre os integrantes da escola».

O responsable da Escola Municipal de Teatro de Lalín xa está preparando o fin de curso onde non faltarán as representacións teatrais dos distintos grupos formados en colexios, institutos e parroquias, e de cara ao vindeiro mes de xullo voltarán os xogos na Praza da Igrexa para rapaces que se celebrarán todos os martes e xoves.