Disfrutando dos pasodobles

Amelia Ferreiroa

DEZA

Oito formacións de Galicia e Portugal, entre elas a de Silleda, participarán mañán no Certame de Bandas, en Boqueixón

02 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un ano máis o Campo do Río, en Boqueixón, é o sitio escollido para a celebración mañán do Certame de Bandas de Música que organiza José García, O Peixeiro de Cirela. Un evento musical que mantén as características de anos anteriores. «É unha festa para todos aos que lle guste a música de bandas na que traemos algunhas das mellores agrupacións de Galicia e do país veciño. Aquí temos unhas bandas moi boas e en Portugal hai unhas oitocentas formacións, e pese o que se dicía antes, teñen moita categoría. En Portugal case todas as bandas contan con auditorio propio, unha excelente directiva e son moi apreciadas», salienta o organizador.

O programa abrirase coa actuación da Banda da Brilat, «unha das bandas máis disciplinadas das que escoitei», para seguidamente dar paso ás formacións de Fermentelos (Portugal), Salcedo e Valladares. «Esta última leva dez anos vindo ao certame de bandas, nunca aburre e ao meu entender é unha das grandes formacións de Galicia e sempre sorprende ao público con algunha novidade nas súas actuacións. É unha banda que se nos pide e non podemos deixar de traela ao Campo do Río». A actividade musical continuará pola tarde con máis intervencións. «Volverá a tocar a banda de Formentelos, estará a de Silleda, Meaño e outra de Portugal, moi boa, como é a de Monçao. Por certo que a de Formentelos vai interpretar unha peza que deixará a máis dun coa boca aberta...».

Un certame para o que a organización dispón de carpas. «Temos todo absolutamente cuberto. É coma tres campos de fútbol baixo carpa, con sillas suficientes para que a xente se sente e disfrute das actuacións pola mañán e pola tarde». Catro mil asentos xa están instalados pero mesmo poderían chegar aos sete mil, según asegurou José García. «Queremos que todos aqueles que veñan estén cómodos e que o pasen ben, e que pensen en repetir a experiencia o ano seguinte. Polos datos doutras edicións do certame, sabemos que moita xente se achega ano tras ano a escoitar ás bandas». Pero un aviso para as formacións dende a organización; «nós aquí queremos pasadobles, muiñeiras e música alegre. As zarzuelas e as obras máis clásicas que as toquen nos auditorios pero non neste certame».

E para todos aqueles que desexen comer no Campo do Río a organización lembra que non faltarán postos de polbo, ademáis da posibilidade de degustar callos, capón corraleiro ou churrasco. «Haberá suficiente para dar resposta á demanda que se presente e agardamos repetir ou aumentar os datos de participación do ano pasado. Pensamos que entre oito e dez mil persoas estarán en Boqueixón este domingo asistindo ao certame».