«Queda por facer o libro de Agolada, Camba e Dozón»

Amelia Ferreiroa

DEZA

O Concello de Silleda homenaxeará ao lalinense pola promoción feita do municipio en moitas das súas obras

30 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Armando Vázquez Crespo publicou unha docena de libros dos que, máis da metade, teñen como referencia a comarca de Deza. Unhas terras que Armando coñece perfectamente e que segue percorrendo sempre que se achega a Deza dende a capital de España onde reside dende hai moitos anos.

-O primeiro é obrigado, ¿como acolle este recoñecemento que lle vai tributar o Concello de Silleda?

-Con moito agradecemento, aínda que non é habitual que me brinden recoñecementos e mesmo non son moi amigo nin me gustan moito... Sí é certo que de todas as publicacións que levo feitas sobre a comarca, tres delas son de Silleda.

-«Carboeiro, el arte que renace de sus cenizas», «Silleda, la tierra de Trasdeza» e «Feria Internacional Semana Verde de Galicia, 25 años» son as tres obras que escribiu sobre o municipio, ¿cal é a que lle gusta máis?

-A de máis traballo foi, sen dúbidas, a de Carboeiro. O libro veu a luz no ano 2001 pero con anterioridade sobre o mosteiro silledense había moi pouca información. É, creo, a publicación máis bonita que fixen, con moita cor... O libro da Feira Semana Verde foi unha obra de prestixio, útil e que lle serviu de carteira de visita para o que foi tantos anos presidente do ente feiral, Xosé Maril. Outro dos libros aos que lle teño moito aprecio é a Reseña histórica del Condado de Deza , de Francisco Vilariño, que é unha edición crítica do manuscrito orixinal inédito. É unha publicación na que hai moita fantasía pero tamén datos moi importantes da nosa comarca do século XIX. Un libro con inspiracións na historia romántica.

-Libros coñecidos pero non tanto cecáis coma «A comarca de Deza» que escribiu xunto ao lalinense Daniel González Alén no ano 1989...

-Certo que é, penso, o máis coñecido. Foi publicado pola Deputación de Pontevedra, se fixeron dúas edicións e máis dun pediu que se levara a cabo unha terceira... Cando publicamos, hai vinte anos, Daniel e eu A comarca de Deza , non había prácticamente nada escrito sobre a zona. Foi unha obra senlleira que, pese ao empeño que puxemos para que non levara erros, nos preocupamos e estivemos correxindo textos é certo que posúe bastantes. É unha obra de consulta e se falou de facer unha terceira edición pero non hai data para elo... Pero agora temos na comarca moi preparada e moi boa que pode pórse a facer un libro coma este.

-Publicou guías sobre Lalín, Silleda e Vila de Cruces pero faltan os demáis concellos dezaos...

-Falei máis dunha vez cos alcaldes, cando estaba Costa e Lamazares pero non se materializou. Queda por facer o libro de Agolada, Camba e Dozón que podería titularse As terras do Faro .

-¿Para cando outro libro?

-Agora xa me xubilei, cun decena de obras publicadas xa está ben.