Cantos medos da infancia quedan residindo nos adultos como fotos vellas ou como reflexos automáticos que non se quitan. Seguramente, un dos problemas de dúas ou tres xeracións de adultos galegos é que cando rapaces non foron capaces de rir dos seus medos. E quedaron colgando como as arañeiras como se fosen imposible de limpar, quedaron fixados como unha marca máis do carácter e así hai veces que é entendible que se vota como se vota.
Berrobambán leva algúns anos disposta a ir rompendo os medos infantís pola vía de ir facendo comedia con eles. Agora é o turno dun sector que era patrimonio da Disney ou vítimas do insecticida. Os bichos e o seu universo que con tanta alegría e despreocupación invadimos os humanos.
Quen teña a experiencia de sentirse invadido por xigantes, entenderá como se sente unha cascuda diante dun rapaz de oito anos. E sen embargo, cousas das especies, os rapaces non sempre se senten ca vantaxe estratéxica do tamaño. Quizais por iso haxa que darlles a vantaxe psicolóxica da comedia e aínda contarlles que, por se acaso, tamén temos o aerosol.