Un amplo espazo sen barreiras

Amelia Ferreiroa

DEZA

O centro Aspadeza, que se levanta en Mouriscade, terá capacidade para oitenta persoas. Investíronse 577.000 euros no edificio que podería abrirse en primavera

26 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Finalmente o desexo dos directivos, socios e usuarios da Asociación de Pais de Disminuidos Psíquicos de Deza (Aspadeza) está a converterse nunha realidade. O ansiado centro, no que dar cabida a moitas máis persoas con discapacidade da zona -das que se poden atender agora por problemas de espazo-, está prácticamente rematado a falta de últimos detalles na cociña e subsanar algunha filtración.

Sobre unha parcela de 6.000 metros cadrados, cedida pola Deputación Provincial de Pontevedra, e despois da xestión levada a cabo polo Concello de Lalín comezou a levantarse o edificio. Unha única pranta na que se atopa a cociña -comedor, sala de xuntas, talleres, sala de ordenadores, oficiña e baños perfectamente adaptados ás necesidades de persoas con discapacidades. En total oitocentos metros de superficie que supuxeron un desembolso económico de 577.000 euros. Para facer fronte a dita cantidade, a directiva da a Asociación de Pais de Disminuidos Psíquicos de Deza -que preside actualmente Antonio Baldonedo- pediu axudas a distintos organismos e entidades financieiras. Vicepresidencia materializou unha achega de 342.000 euros para o centro lalinense, a Deputación aportou 60.000 euros, Cajamadrid 40.000 euros e Caixanova 9.000 euros. Aspadeza conseguiu tamén algunha aportación económica de empresarios da zona e mesmo aportou fondos do colectivo para esta infraestructura que recibiu, para equipamentos, axudas de Agader e das fundacións Once, LaCaixa e Mapfre. Por outra banda a Obra Social Caixa Galicia donou ao colectivo unha furgoneta, que se empregará para desprazar aos usuarios dende os seus domicilios ao centro, e pinturas Surribas colaborou con Aspadeza ao non cobrarlle a pintura que se usou no pintado das instalacións.

As novas instalacións lalinenses, que se prevén inaugurar na primavera, e que con toda probabilidade levarán o nome do primeiro presidente de Aspadeza Javier Brandido, terán capacidade para oitenta prazas. Medio cento de prazas se utilizarán como centro ocupacional e as trinta restantes se destinarán a centro de día. Ao carón do centro se ubica o invernadoiro na que os usuarios seguen coidando árbores e plantas, que se destinan á venda.