A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño adicaralle a tarde de mañán aos 250 colaboradores cos que conta
12 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) conta con 250 colaboradores, forxadores que se denominan, que están espallados polo mundo. Non todos poderán asistir ao encontro anual que se celebrará mañán a partires das 18 horas, por mor das axendas e mesmo das distancias. «Xa nos gustaría que viñeran todos. Os forxadores que temos en Bos Aires, Montevideo, en provincias españolas...», matizou a secretaria da fundación cruceña Carmen Lareo.
Unha xuntanza na que, nesta ocasión, non estará o presidente da fundación Paco Lareo que se atopa no extranxeiro dende o pasado día 8 «cargando pilas, que o precisaba, e tamén aproveitando para traballar e ver novas propostas artísticas. Sen dúbida que o botaremos moito de menos pero tentaremos facelo o mellor posible».
A Xuntanza de Forxadores arrancará cun saúda dos membros do Padroado da Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño a todos os asistentes para, de seguido, dar paso a un concerto da coral cruceña Voces da Terra que dirixe o tenor César Torres. Será a primeira vez que dita masa coral actuará na fundación cruceña. Posteriormente se procederá a sortear entre todos os forxadores un cadro do finado artista lalinense Antonio Taboada Wily. «Estámoslle moi agradecidos á familia de Wily pola súa xenerosidade. A súa irmán Cruz e os seus pais Oliva e Ernesto foron quenes doaron esta obra para que se sorteara neste acto. É un debuxo moi fermoso, feito no noventa e algo. É unha estrela, e esperamos que esa estrela do Wily nos guie por este mundo tan revolto. Que poña un pouco de cordura, de paz, de sentido...».
O encontro rematará cun convite de filloas á pedra e chourizos, do que se encargará Xosé Molina e Carmen Lare. Esta última xa anunciou que haberá máis participantes que en pasadas edicións. «Todos os anos contamos con cen ou cento vinte forxadores pero nesta ocasión é preciso sumar aos integrantes da coral polo que haberá que facer máis filloas e asar máis chourizos. Xa está todo previsto, e estamos encantados de que veñan moitas persoas. As portas da Solaina están sempre abertas e aos forxadores lles debemos un día. Unha tarde, a de este sábado, na que poderán conversar, intercambiar opinións e seguro que non se fala de crise. Polo menos, nós, o que non imos é a cobrar entrada».
Os membros do Padroado da Fundación A Solaina de Piloño xa pensan en vindeiras edicións de forxadores nas que ben puideran engadirse novidades coma algunha representación de teatro. «A idea é innovar non só na xuntanza de forxadores senón en todos os actos da fundación».