As corenta prazas para o Campamento de Nadal, que comezará o 22 en Lalín, están cubertas dende días atrás
10 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.As vacacións de Nadal nos centros educativos a piques están de chegar polo que os concellos poñen en marcha unha programación dirixida fundamentalmente aos cativos. Programa no que non faltan os campamentos, coma o de Lalín, que se celebrará a partires do vindeiro día 22 de decembro na Casa da Xuventude.
-Xa non lles sorprende que as prazas para os campamentos se ocupen en escasos días...
-Para nada. É habitual. Entre nós xa dicimos que aínda que os carteis anunciadores estén colocados detrás das portas a xente se entera igual. Para este campamentos había corenta prazas e sí están todas solicitadas, non queda ninguhna.
-¿A que se debe tanto éxito neste tipo de actividade?
-Por unha banda penso que os pais están tranquilos ao saber que os nenos están en boas mans. Confían plenamente en nós xa que levamos moitos anos sendo monitores e coñecemos os cativos. Por outra parte sempre tentamos que os rapaces aprendan xogando. É moi importante que o pasen ben nos campamentos pero, ao mesmo tempo, que vaian aprendendo algunhas cousas importantes.
-¿En que se centrarán nesta ocasión?
-Se temos en conta que a mobilidade é cada vez maior e que os rapaces se moverán, pensamos en amosarlles diferentes xeitos de celebrar as datas de Nadal segundo os países que vaiamos vendo en imaxes. Aproveitaremos tamén para ensinarlles como se desexan boas festas en diferentes idiomas, que comproben que non só existen as nosas costumes e tradicións. É certo tamén que nestas datas só se pensa en mercar e mercar; por iso o consumo responsable será un tema a tratar cos cativos. Iremos con eles de compras pero cun presuposto limitado. Tentaremos de que vexan e valoren a calidade dos produtos e non se fixen só no envoltorio, que é o que chama a atención.
-¿Mercarán en grandes áreas ou no comercio local?
-A idea é quedar sempre no casco urbán lalinense. Iremos en grupos para non chegar a un supermercado con corenta cativos de golpe.
-Festas e xogos, ¿non faltarán tampouco?
-Para festexar o último día do ano teremos unha gran festa para todos os rapaces. Nesta ocasión tamén programamos unha xornada adicada á repostería onde faremos unha tarta de chocolate. O obxectivo é que os nenos se impliquen na necesidade de colaborar nas tarefas domésticas, que presten axuda na casa.
-En anos anteriores houbo visitas á residencia Nosa Señora das Dores...
-Este ano, tamén. O día 5 pola mañán irán a cantarlles unhas panxoliñas aos residentes e faranlles entrega de pequenos agasallos. Nos parece básico o contacto entre nenos e vellos. No campamento tamén haberá práctica de xogos tradicionais e confeccionaremos instrumentos musicais con elementos de refugallo.