Unha peza para Varela Buxán

Amelia Ferreiroa

DEZA

O grupo folclórico traballa nun novo espectáculo para xullo sobre o escritor, con teatro, música e baile

26 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Primeiro foi a escenificación dunha feira -coma as de antes-, agora chega a recreación do Milagre de Santo Pinario pero o traballo da agrupación folclórica A Carballeira de Cercio xa se centra nun novo espectáculo que se estreará no vindeiro mes de xullo. Postas en esceas que se engaden ás actividades cotiás do grupo lalinense e que pasan por ensaios e actuacións por distintos puntos da comunidade.

A agrupación aproveita a celebración do seu festival local en verán para presentarlle ao público algunha novidade, no que mestura baile, canto, teatro... E así o ven facendo nestes últimos dous anos. De feito, este venres no Salón Teatro de Lalín a partires das 21.30 horas, e con entrada totalmente de balde, o grupo folclórico representará o Milagre do Santo Pinario que estreou en Cercio no pasado mes de xullo. Un milagre que se remonta a máis de setenta anos atrás. Por aquel entón en Carmoega, un grupo de madeireiros cortaron un pino e, este, ao caer ao chan -coa resina que desprendeu- debuxou a figura dunha Virxe. Outros, contan que o pino caeu por unha tormenta pero todos coincidían en que se trataba dunha aparición mariana e ate o lugar se achegaron veciños, o propio Bispo de Lugo e o Arcebispo da Diócese de Santiago. En dúas jornadas, contan que pasaron polo sitio onde caeu o pino unhas 600 persoas. Logo, ao estudarse o asunto con tranquilidade comprobouse que só era un debuxo de resina, nada máis. De todos os xeitos moitos vellos se lembran perfectamente desta historia, do Milagre de Santo Pinario que así se coñece, e así foi recollida pola Carballeira de Cercio. Atrás quedan doce meses de traballo para pechar este segundo espectáculo. Foi preciso realizar un intenso traballo de campo para recrear a peza e a agrupación tamén levou a cabo tarefas de composición ao crear un canto de cego e unha nana. Subidos ao escenario unha trintena de bailaríns, que a súa vez cantan e interpretan varios personaxes.

A Carballeira de Cercio ten agora por diante outro interesante traballo, que lle adicará á memoria de Varela Buxán con motivo do seu centenario no 2009, e que prevé estrear en xullo. Na actualidade xa está recompilando pequenos fragmentos dalgunhas obras do escritor galego, pero non está resultando tarefa doada debido á cantidade de publicacións que realizou Varela Buxán ao longo da súa vida. Dificultades requerirá tamén compaxinar fragmentos de obras do dramaturgo con bailes e música. Un novo proxecto da agrupación lalinense que se atopa nunha primeira fase de recompilación de datos e que irá tomando corpo nestes vindeiros meses.