A sociedade occidental desconfía das obras colectivas, especialmente no cultural. No teatro tamén. Debe ser por tantos anos de espellismo e por utilizar a palabra creación e polo continuo paralelismo entre o autor e unha figura todopoderosa que as relixións monoteístas identifican como deus. Deus e o creador. A xente é capaz de crer en calquera cousa.
No teatro, a pesar do constante discurso da obra grupal, do traballo colectivo e de todas esas cousas das roldas de prensa, a autoría segue sendo unha ou se considera que é o resultado do traballo de ensaios, de aportacións dispares e dun conxunto heteroxéneo de cousas. O outro sucedido no teatro dos últimos anos é que a autoridade do autor pasou aos directores así que agora o raro de verdade é que haxa unha dirección colectiva. A cultura cristiá dun ser supremo tomador de decisións reaparece de maneira sorprendente en case todos os recantos da espiral cultural.
O Centro Dramático Galego na súa máis recente versión está disposto a contradicir a soidade dos creadores e a melancolía derivada e pon a escribir a tres autores, Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, con Dani Salgado como coordinador, para facer experimentos e por demostrar que outras maneiras de facer poden dar en outras maneiras de contar. A tripla proba pode valer para saber se as cousas en cultura poden ser como no sexo: en compañía.