«Pasar o corte de selección entre 600 obras xa é un éxito»

Amelia Ferreiroa

DEZA

A obra do artista lalinense exporase dende o día 26 no Museo del Calzado, e seguirá percorrido por Alacante

17 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Non é a primeira vez que Antón Iglesias participa no Certamen de Minicuadros, que este ano chega á XXIX edición, e que organiza a Comparsa Huestes del Cadí e coordina o Museo del Calzado de Elda.

-Xa participei neste certame seis veces e fun seleccionado en catro ocasións. É un certame con gran participación de obra. Este ano concurriron 635 traballos dos que 607 procedían do territorio nacional e 28 de fóra. Había obras de Bélxica, Francia, Italia, Alemaña, Portugal, Arxentina, Colombia e Venezuela. Pasar o corte de selección entre 600 obras creo que xa é un éxito e acadar un premio, unha alegría.

-Que tipo de obra presentou ao certame deste ano?

-Sempre que participei sempre presentei obra co maior tamaño permitido, que é de 25x25. Nesta ocasión tamén o fixen así. Só é preciso adaptarse ao tamaño do que dispós para realizar o traballo. A obra leva por título Maqueta para planta de reciclaje , e está feita a partir dun transformador de corrente -que se usa nos ordenadores e que en máis dunha ocasión se queiman-. Fun sacando peciñas e xunto con madeira pasaron ao cadro. Unha obra que parece que lle gustou ao xurado xa que lle outorgou o Premio Instituto Bazán. Das 53 obras finalistas, que comporán a exposición itinerante, déronse cinco premios e dous accésits.

-Dende cando se poderá contemplar toda esta obra?

-O vindeiro día 26 deste mes ás 18 horas abrirase ao público a mostra no salón de actos do Museo del Calzado de Elda e tamén se fará entrega dos premios. Alí se poderán contemplar as 53 obras resultantes da criba final do xurado.

-Falaba de que ía ser itinerante tamén, ¿non?

-Segundo parece sí. A previsión é que se poida ver tamén a mostra nun mínimo de tres localidade máis, estará de mini xira por Alacante.

-Antón Iglesias fixo tamén moitos carteis, ¿continúa facéndoos?

-Aparquei o cartelismo. Mira que me deron alegrías, pero non teño tempo para facer todo. Agora estou sumerxido na fotografía e na pintura. Tampouco descarto voltar a facer carteis dentro dun tempo... A calquera hora podo retomar o tema.

-En que outros proxectos está a traballar?

-Teño agora mesmo varios cadros empezados, á vista un certame en Tarragona e o vindeiro 10 de maio unha mostra en A Coruña. Estou programando cousas novas, pero primeiro hai que rematalas e logo falar xa delas.

-Ningunha exposición individual á vista?

-Nunca é fácil asumir os custes dunha exposición individual... O que sí é que pedín cita para expor no museo lalinense. Falta fixar fecha.