Trocar carteiros por buzóns

Amelia Ferreiroa

DEZA

A pesares da mensaxe de sosego que se transmite dende a Administración, os carteiros piden que se revoque o decreto

15 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os veciños do rural aproveitan -nestes últimos días- a chegada do seu carteiro para preguntarlle se continuarán facéndolle a entrega cotiá da correspondencia. Algo saben da entrada en vigor do novo decreto, e temen que a aplicación sexa inminente. Pero, de momento, segundo relata Rafael Iglesias da CIG non existe constancia de que se esté aplicando. «É certo que nalgunha zona de Vila de Cruces existen buzóns comunitarios pero son os de toda a vida, xa existían antes de que se falase deles neste novo decreto», sentencia. Por diante restan dous anos de posta a punto do novo sistema, que é o tempo que se contempla para a súa implantación en todo o estado. «Estamos no momento perfecto para reivindicar que se evite a aplicación do real decreto e así o esiximos onte en Santiago na concentración que protagonizamos diante do Parlamento. Nos concentramos en defensa do reparto do correo en Galicia. Temos ate tres ministros galegos, pois que fagan algo».

Os carteiros rurais o teñen claro. O decreto suporá unha merma na calidade do servizo e mesmo a perda de moitos postos de traballo. «É moi fácil de entender. Eu se enredo media hora en repartir a correspondencia nunha aldea me levará dous minutos buzonear as cartas nese buzón comunitario que pretenden instalar nos núcleos de poboación que disten a máis de 250 metros dunha estrada. Imáxinate, terei que ir a máis aldeas e iso suporá unha reducción inmediata da plantilla». Segundo o representante da Confederación Intersindical Galega existe un alto grao de preocupación entre os traballadores que ven o seu futuro laboral cada vez máis incerto.

Por outra banda denúnciase un retroceso no servizo. «É o único servizo público que ate agora chega á porta do cidadán. As persoas maiores de 65 anos lembran que trinta anos atrás ían buscar o correo á taberna, e alí os problemas eran moitos á hora de dar coa correspondencia. Agora pretende voltar aos tempos vividos por aquel entón. Os veciños do rural non queren retroceder no tempo. Antes non se dispuña de estradas asfaltadas, as pistas eran de terra batida e agora que iso mellorou ao cen por cen queren ubicar buzóns comunitarios. Iso non tén sentido, a pesares de que piden tranquilidade e insisten en que non se deteriorrará o servizo».

Dende os distintos estamentos se tenta fixar poboación no noso rural pero con estas medidas, según sentencia Rafael Iglesias, «o efecto final será todo o contrario. Se non se prestan os servizos básicos ninguén apostará por vivir nunha aldea».