«A convivencia é o máis importante da acampada»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Aos catorce anos o presidente da Federación de Clubes Campistas fixo a súa primeira acampada, e continúa

13 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O recinto feiral de Silleda acollerá, do 15 ao 23 de marzo, a 50 edición da Acampada Nacional anual da Federación Española de Clubes Campistas e a asamblea xeral.

-Por que se decantaron por Silleda para celebrar este multitudinario acontecemento?

-É sinxelo. Normalmente a organización da acampada lle corresponde a un club. Somos 85 en España e 30.000 persoas afiliadas. Despois de 50 anos a federación ten agora a súa sede en Vigo despois de peregrinar por moitas localidades españolas. Ao noso parecer o mellor sitio para celebrar a acampada é en Galicia, e máis concretamente Silleda que queda no corazón da comunidade. É un recinto que nos ofrece un bo peche, magníficas instalacións e servizos de todo tipo.

-A acampada realízase sempre en Semana Santa?

-Sempre facemos o encontro nesas datas e nun sitio diferente. A verdade é que non temos que rompernos nunca a cabeza á hora de pensar en ir de vacacións en Semana Santa...

-É a primeira vez que se xuntan en Galicia?

-Non. No 89 foi en Santa Tecla e creo lembrar que no recinto feiral de Vilagarcía estivemos acampando no 2004. En Silleda sí que é a primeira vez, e aí nos daremos cita máis de 4.000 campistas e unhas mil cen caravanas e autocaravanas.

-Que é o máis salientable dun encontro desta índole?

-A convivencia é, sen dúbida, o máis importante dunha acampada. No momento en que remata unha xa nos citamos para o vindeiro encontro que é habitualmente o interprovincial. Como o nome indica lévase a cabo a nivel provincial e, sempre que un pode, acode ao mesmo. Nas acampadas xuntámonos galegos con andaluces, vascos con cataláns... Só falamos de campismo, intercambiamos opinións cos compañeiros, intercambiamos cultura e gastronomía e aproveitamos para coñecer a zona na que nos atopamos.

-Haberá, polo tanto, percorridos pola comunidade?

-No programa está desprazarnos ate as Rías Altas, Rías Baixas, Lugo, Ourense e Santiago. A intención é que os campistas doutras rexións coñezan estas terras, e nesta ocasión mesmo contaremos con representantes de federacións de clubes campistas de fóra: Italia, Francia, Alemania e tamén de Portugal, que participan habitualmente. Contamos que veña o presidente da federación internacional, xa que estamos integrada nela. Move a 20 millóns de campistas no mundo.

-De que xeito abrirán a cita deste ano?

-Ao tratarse da 50 acampada imos tentar facer unha xornada de portas abertas coincidindo co desfile inaugural, para que o público vexa o que é a acampada nacional. Non somos uns locos cunha caravana como se pensaba antes, ou se pode aínda pensar.

-Manexan últimos modelos, novas tecnoloxías...

-Isto cambiou. Non é coma cando eu comecei aos 14 anos cunha tenda de campaña. Unha caravana normal custa uns 18.000 euros e precísase dun coche potente.