Verdades arriscadas na Estrada

DEZA

Xosé Luna publica un libro de conversas cun Francisco Pillado sincero, valente e decidido a rachar silencios

28 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Botando man de Óscar Wilde, o peor que lle pode pasar a unha obra non é ser criticada, senón resultar indiferente. Ese problema non o vai ter o último libro do escritor estradense Xosé Luna: No pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior . A obra, presentada onte na Estrada, resume máis de trinta horas de conversas que Xosé Luna mantivo con Francisco Pillado na súa propia casa na Estrada, na residencia do intelectual galego en Miño e no Casino de Santiago. Pillado é un referente inevitable na cultura galega. É profesor, editor, escritor, amante da música e creador de espazos culturais. Unha das súas facetas máis coñecidas é a de director da editorial Laiovento. As conversas entre Luna e Pillado aparecen condensadas en 340 páxinas estructuradas en cinco capítulos. O primeiro é biográfico e leva por título un verso de Federico García Lorca cun fondo significado para Pillado: « El sol, capitán redondo, lleva un chaleco de raso ». Pillado descubreu a poesía de Lorca sendo un neno, entre uns papeis que o seu pai se esforzaba en agochar lonxe del. «Daquela falar de Lorca era delito. Eran poemas clandestinos. A barbarie sempre destroza a cultura, a sensibilidade», explica Pillado.

O segundo capítulo, «O ceo aberto», fala do posfranquismo e do descubrimento dun mundo novo máis alá da censura. No tercerio, «Pola estrada da cultura», fálase do papel de Pillado como fundador da Escola Dramática Galega, como traductor ou como director da editorial Laiovento. Pillado confésase un devorador de libros de conversas. Él mesmo foi coautor, con Miguel Anxo Fernán Vello, dos libros de conversas con Ricardo Carballo Calero ou con Xosé Manuel Beiras. Lamenta non ter recollido tamén as súas charlas con Luís Seoane, «que era un torrente de palabras», e aínda confía en persuadir a Manuel Lourenzo para escribir un grande monólogo que explique a historia do teatro galego. O que nunca sospeitou Pillado foi convertirse él mesmo en obxecto dun libro de conversas. Xosé Luna propúxollo e el non tivo medo de falar. «Veño dun longo silencio, por iso agora prefiro falar demáis», comenta. No pazo de Laiovento foi para o editor un exercicio de siceridade e de valentía. No capítulo catro, «Socialismo ou barbarie», Pillado fai a sús particular lectura da execución de Sadán, dos últimos atentados de ETA, da guerra de Vietnan, da caída do bloque soviético ou do novo papel dos medios de comunicación.

O libro remata co apartado «Esperanza e memoria», o máis intimista, no que Pillado fala da súa amizade a peito aberto con Manuel María ou da súa sáida do BNG. O libro invita a coñecer mellor a Pillado e a súa lectura da historia. É un libro directo, pero non complacente. Pillado coñece os riscos: «Se eres sincero, sempre te vas crear enemistades». Mellor iso que mentir. Ou que pasar desapercibido.