«A escultura de Laxeiro debería ir para unha praza»

Amelia Ferreiroa

DEZA

A auga, a humidade e a follaxe deixou a súa pegada na escultura de Laxeiro, que agora será limpada

21 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Uns dez anos levaba a

escultura de José Otero Abeledo, Laxeiro, na illa do lago Pontiñas. O Concello de Lalín decidiu retirala de cara a súa limpeza.

-En que estado de conservación se atopa?

-Pois está moi ben. Pensei que estaría moito peor, tendo en conta o sitio no que se atopaba. Hai que ter en conta que alí hai moita humidade, árbores, polen... A pedra xa se sabe que cría moho, pero está en boas condicións. A cara está bastante clara, e o corpo un pouco máis escuro pero a intención tamén era isa; que fose escurecéndose.

-Entón non requerirá de moita limpeza?

-Non será precisa moita. Pensei que o traballo sería maior do que creo que vai ser en realidade.

-O lago Pontiñas era o sitio máis idóneo para a escultura de Laxeiro?

-Persoalmente, penso que non. A escultura debería de ir para unha praza de Lalín. Contamos na vila con prazas suficientes para ubicala, ou no Museo Municipal que tamén estaría ben. O lago Pontiñas, dende o meu punto de vista, non é o sitio máis axeitado xa que a escultura se vía pouco, e Laxeiro merece estar preto. Creo que vale a pena miralo de cerca, e ate agora non era posible pola abundante follaxe que había e que o tapaba case por completo.

-Ista obra foi unha das que fixo na súa primeira etapa como escultor, ¿non?

-Pois así é. Creo que diso fai uns dez anos aproximadamente. É un orgullo que unha obra túa esté aí, e que sexa do maestro Laxeiro máis. É unha gran lembranza daqueles tempos pasados, miras de novo para atrás, véñenche recordos de cando él aínda vivía. É unha obra importante e significativa para min.

-Máis que as seguintes?

-Todas son importantes, pero sen dúbida que algunha pode marcar un momento especial ou ser máis especial. A escultura de Laxeiro foi unha das primeiras obras que fixen desas características, con ese formato, dun persoeiro coñecido e recoñecido...

-Posteriormente chegaron outros moitos traballos e encargos, ¿cal recibiu máis loubanzas?

-Non sei cal puido gustarlle máis ao público... Habería que preguntarlle aos cidadáns. É certo que a gran escultura co escudo de Lalín que está na rotonda de entrada ao Polígono Lalín 2000 chama bastante a atención, e xente de fóra me falou desta obra pero non sabería decirche a que resultou máis apreciada.

-En que traballar agora?

-Dando saída a varios encargos, hai proxectos para desenvolver... E teño que seguir con cruceiros, que aínda hai xente que non ten un, remates de panteóns...