O Estradense estréase na Baiuca fronte a un Cruceiro que aspira a retornar á Terceira pola vía rápida

La Voz

DEZA

Primeiro partido da tempada na Baiuca e primeira gran cita da campaña para o C.D. Estradense. A partir das 18 horas , os homes de Pencho e de Manuel Blanco deberán comezar a demostrar a súa condición de candidatos ás primeiras prazas da clasificación fronte ao gran favorito ao ascenso, o Cruceiro do Hío.

O cadro cangués pretende retornar á Terceira pola vía rápida. O Rápido de Bouzas B púidoo comprobar nas súas carnes hai 7 días, na xornada inaugural da Liga, na que o Cruceiro do Hío deleitou á súa afección cun 5-1 sobre o filial vigués.

Pencho prevía onte «un partido moi serio e complicado» para o Estradense. «O Cruceiro ten unhas ganas tolas de voltar á categoría na que estaba e na que tiña que estar, e sabemos que é un equipo que vai estar arriba na clasificación final».

Nembargante, ao corpo técnico vermellón o que realmente lle preocupa é o seu propio plantel. O obxectivo hoxe, sinalou Pencho, é comezar a asentar A Baiuca como «un campo no que non perdamos puntos». Iso si, afirma, sen a menor presión para o plantel.

Convocatoria

Ao igual cá semana pasada, Blanco e Pencho non poderán contar cos aínda lesionados Cuqui e Iago. O primeiro, cunha tendinite na pranta dun pé e o segundo cunha microrrotura de fibras sufrida o xoves durante un partido de adestramento co Sporting Estrada, cando xa estaba recuperado do esguince que o deixara fóra da convoctoria de Antela. Brais e Brian son as novidades da lista, da que se caen Vicente e Álex por decisión técnica.