O ex xefe de filas do C.C. Estradense fai un balance positivo da súa cuarta tempada profesional, a piques de rematar trala súa destacada actuación na gran ronda lusa
22 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Hai unha semana Álex Marque pechaba a súa participación na Volta a Portugal 2007 tras tentalo todo no seu afán por asinar un trunfo de etapa que finalmente non chegou. Dúas quilométricas escapadas do día e outras tantas notables contrarreloxios na gran ronda lusa redondean unha tempada con importantes rexistros persoais do único ciclista profesional estradense.
-Vostede foi un dos corredores máis activos da Volta a Portugal...
-Ben, iso tentamos. Sabiamos que esta non era unha Volta a Portugal adaptada ás miñas características. Había moitos finais en alto. Por iso, tiña que tentar facer algo os primeiros días, na primeira parte da carreira, que si presentaba un trazado bo para min, cunha prólogo. Comecei facendo un bo tempo na contrarreloxio de Portimao (foi vixesimocuarto a 21 segundos do gañador), e ao día seguinte, na primera etapa, ataquei. Fixen primeiro nas metas volantes, que daban bonificacións, e mesmo cheguei a ser líder provisional da Volta. E se non se montara a guerra entre o gallitos, tería rematado a etapa co xersei de líder. O problema foi que un dos favoritos, o que foi gañador final da Volta a Portugal, Xavier Tondo (La MSS) quedara cortado nun abanico, e o seu equipo, para que non perdera demasiado tempo xa no primeiro día, tirou desde atrás botando abaixo a miña escapada. Entrei co pelotón e rematei a xornada no posto 14. Ao día seguinte, na segunda etapa, o líder do meu equipo, André Vital, pinchou a 5 quilómetros da meta e tívenlle que deixar unha roda da miña bicicleta para que non perdera tempo mentres chegaba o coche do equipo. Como a etapa remataba en esprint o pelotón ía lanzado e perdín case 2 minutos na xeral...
-O xesto co seu xefe de filas cedéndolle a roda custoulle unha boa bronca do seu director deportivo...
-O home estaba jorobado, pero máis porque o resto do equipo non lle tivese cedido unha roda ao noso xefe de filas, e que tivese que ser eu, o mellor clasificado da escadra, o que o fixera. De tódolos xeitos, aínda que eu non tivese perdido tempo ese día, íao perder despois na montaña.
-Ao final non houbo premio ao seu traballo...
-Non, ao final non. Cando me deixei case 2 minutos na segunda etapa o meu director deportivo dixo que de perdidos, ao río, e mandoume atacar, atacar, atacar. Tratábase de buscar algún trunfo de etapa, ou cando menos de se protagonista dalgunha. A Volta a Portugal é a cita máis importante para os equipos lusos, pola súa cobertura mediática. Eu tenteino varias veces desde lonxe, pero os equipos fortes deron menos opcións este ano, foi unha Volta moi controlada. Case tódolos días se chegou ao esprint.
-A Volta a Portugal é o cénit do calendario dun equipo luso como o seu, ¿como valora esta tempada xa practicamente rematada?
-Quédanme por facer un par de rondas. A Volta a Gaia, a vindeira semana, e a Volta Viños de Extremadura, a mediados de setembro. Este ano tiven dous picos de forma. O da Volta a Portugal e outro ao comezo da tempada, no que fixen o décimo posto na Volta a Santarem (de cinco días) e o sétimo na Volta á Albufeira, no Algarve (outros tantos). Ademais, na derradeira etapa da Volta ao Alentejo cazáronme a 1 quilómetro da meta, despois de 179 quilómetros de fuxida con David Muñoz, do Fuerteventura. O líder do meu equipo, André Vital, perdera o liderato o día anterior, e o meu director deportivo díxome que probara desde lonxe. E a punto estivo. O meu director está contento comigo. No fútbol, para que o dianteiro marque o equipo ten que contar cunha boa defensa e cun bo mediocampo. No ciclismo pasa algo semellante. Para que o xefe de filas faga ben o seu traballo ten que contar cun bo traballo detrás do seu equipo. Penso que pola miña parte desempeñei ben o papel que me tocaba esta tempada.
-Hai un ano estivo a piques de fichar polo Karpin Galicia, este ano coincidíu en varias carreiras co equipo de Pino, ¿que lle parece?
-É o seu primeiro ano de vida, e como tal debe ser de transición. Creo que ten boa xente. Andiveron ben na Volta a Portugal. Eladio Jiménez gañou dúas etapas. Agora corren a Volta a España. Saen desde Galicia, e iso debe ser para eles un aliciente. Deséxolles moita sorte.
-¿Onde veremos a Álex Marque no 2008?
-O mercado non comeza a moverse ata o mes que vén. Teño algunha cousa en Portugal. O Loulé xa me ofreceu a renovación, e un par de equipos bos falaron tamén comigo. Por agora non teño presa, aínda que tal e como están as cousas no ciclismo, tampouco podo andar con moita calma.
-A dopaxe está a facer estragos na imaxe do ciclismo...
-A xente está máis centrada nos controis de dopaxe cá no propio ciclismo como deporte. Só nos 10 días que durou a Volta a Portugal tiven que pasar sete controis. Estou a favor de perseguir a dopaxe, pero os ciclistas estamos a ser a cabeza de turco. Debéranlles facer o mesmo seguimento a outros deportes.