«Un bo traxe a medida pode ata correxir os defectos do cliente»

DEZA

a estrada | Miguel Manuel Valcárcel Porto leva toda unha vida enfiando agullas na xastrería que o seu pai Laurentino abreu na Porta do Sol nos anos corenta. El empezou no oficio con 12 anos. Agora xa cumpriu os 64.

-A punto de xubilarse, ¿ten pensado dar o relevo?

-Este oficio estase perdendo. Non hai quen veña aprender. Eu tiven algunha rapaza, pero só para aprender a coser, facer traxes hoxe non interesa. Ás miñas fillas tampouco lles leva idea. Dentro de oito meses, se chegas aquí topas a porta pechada.

-¿Cantos xastres quedan na vila?

-Nos anos cincuenta na Estrada podía haber dez ou once xastrerías. Cando estaba meu pai tiñamos tres ou catro obreros e saían traxes coma churros. Agora debemos quedar catro xastres no pobo... Fanse sobre todo pantalóns de tergal para xente de certa idade.

-¿Prefire a xente os traxes que se venden feitos?

-Son moito máis baratos. Un a medida non che sae por menos de 270 euros. Suele andar por 370 ou 380 euros, depende da calidade da tela.

-Pero sentará mellor...

-Non hai nin comparación. Ten outro acabado, outra consistencia. Sempre encontras ó cliente. Un bo traxe a medida pode ata correxir os defectos do cliente: se é torcido, se ten chepa... O traxe vaille quedar ben igual.

-¿Algún segredo do oficio?

-A plancha é medio xastre. Hai que dominala para estirar ou encoller a tela. Así nunca van as costuras tirando.