a estrada | Jesús González apuntou onte unha prometedora progresión na Vuelta a León, logo de ascender do posto 27 ao 19 da clasificación xeral trala desputa da segunda etapa da ronda. O xefe de filas do C.C. Estradense-Hierros Diego, cedido ao Camargo Róper, rematou a xornada de onte decimoitavo, a 55 segundos do gañador do día, Víctor Gomez (Cropusa), integrado nun grupo perseguidor de quince unidades co que completou os 137 quilómetros que separan Villablino e Ponferrada.
O corredor pontevedrés do Hierros Diego afronta hoxe a terceira etapa da Vuelta a León, 141 quilómetros entre Ponferrada e Astorga, situado a 2 minutos e 32 segundos do líder provisional da carreira, o xaponés Shimizu, do Nippo Corporation.
Trofeo Pedro Herrero
Por outra banda, o equipo sub 23 do Hierros Diego completou onte a terceira proba da Copa de España del Porvenir, o Trofeo Pedro Herrero, sen ningún ciclista entre os 28 corredores que a organización incluíu no seu listado de clasificados. O criterio dos responsables da carreira de Morazarzal privaron a David Santiago do posto 25, ao deixar fóra de carreira á maioría do pelotón pouco antes de que Santiago enlazara coas unidades dianteiras da proba.