lalín | A presentación onte de Ángel e de Samuel nas oficinas do Club Deportivo Lalín puxo punto e final ao proceso de construcción do plantel que defenderá a camisola roxinegra na inminente tempada 2007/2008. Un proceso iniciado a comezos do mes de xuño coas primeiras renovacións de xogadores, e que conclúe coa chegada de sete caras novas baixo o denominador común da xuventude.
O presidente do C.D. Lalín, Amandio De Bessa, referíuse no acto de presentación á baixa idade media do equipo como a solución para non voltar a repetir os erros do pasado. Neste senso, o mandatario voltou a recoñecer que «o ano pasado non acertamos coas fichaxes, nin no verán nin no inverno. Trouxemos a xente de 30 e pico anos, coma Villa, e non funcionaron. Esta vez preferimos a xente nova, que non vén polo diñeiro sen máis, senón con ganas» de comezar a facerse cun nome que máis dun veterano aproveita para seguir ingresando cartos dun deporte do que xa se tería que ter retirado.
Fronte aos soños de ascenso dos seus dous primeiros anos de presidencia, Amandio De Bessa marcoulle onte ao C.D. Lalín un obxectivo moito máis modesto. Escarmentado polos fracasos dos seus anteriores proxectos deportivos, o presidente roxinegro manifestou que a meta é «non sufrir como a tempada pasada. Non quero dicir que imos quedar de cuartos ou de décimos. Temos que ir pouco a pouco, partido a partido, e tentar estar o máis arriba posible». A fase de ascenso non figura xa no vocabulario de De Bessa.
O dirixente do C.D. Lalín confía en poder ofrecerlles aos socios do club a primeira campaña sen sobresaltos dos últimos tres anos. Con tal fin «fixemos un esforzo bastante grande» no capítulo de fichaxes, sostén Amandio De Bessa, quen agora, e tras dar por pechado o plantel, agarda recibir dos reforzos roxinegros un rendemento acorde coa confianza que neles depositou.
Nunha liña semellante á do presidente, o retornado Ángel dixo onte na súa presentación que o C.D. Lalín debe «ir partido a partido. A Liga nos porá no noso sitio».
Pola súa banda, o portugués Samuel puxo por diante a súa condición de «humilde e traballador», sinalando o seu propósito de «axudarlle ao Lalín no seu obxectivo» ao tempo que se dá a coñecer no fútbol español.
Asemblea
Noutra orde de cousas, Amandio De Bessa deu onte a coñecer a orde do día da asemblea xeral ordinaria do C.D. Lalín, fixada para o vindeiro día 9 no Casino. Na xuntanza os socios roxinegros coñecerán os balances deportivo e económico da pasada tempada e o orzamento da vindeira, para rematar cun turno de rogos e de preguntas.