RASTRO DE AIRE | O |
07 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.OS QUE somos mais de nadar en río que de deitarse na praia, de patear monte e tocar carballos que pasear rúas e temperar farolas estamos en bos tempos e en malos augurios de futuro para as nosas teimas vitais. Para escoitar o paxaro é preciso calar. Igual pasa co murmurio do río. E cousa de un. Ou de máis que respecten as regras de xogo. Pero o xogo este de conectar coa natureza de non alterar máis que onde pisas de non dominar onde manda a aguia ou o lobo, de ser un máis polas sendas e toxeiras toca a fin. Porque primeiro foi a costa, logo as vilas, e pouco a pouco as aldeas e o monte. Todo caerá baixo o marea da xente que fuxe do sur o norte escapando da calime, do cemento e da auga quente mediterránea. Seica aquí seremos vítimas do cambio climático, que corren cara aquí xentes pero tamén as toupiñas de Castela. Uns buscan frescura, os animaliños auga. E mentres todo iso se nos está vendendo, algúns xa o vemos, insolidarios que somos, nos montes e nos ríos. Xa vemos ós abandeirados da escapada o cambio climático que de tanta algarabía agresora súan tamén a sombra do carballo e nunca escoitarán o cantar do paxaro nin o rosmar do río.