De Bessa e Acevedo encargaranse de buscar as fichaxes e xestionar as baixas
06 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Unha e non máis. A figura do director deportivo non terá continuidade no Club Deportivo Lalín a vindeira tempada. Así o confirmou onte o presidente da entidade roxinegra, Amandio De Bessa, ao indicar que Manuel Antelo abandoaba o club de Terceira División co que colaborou a meirande parte desta tempada. De Bessa afirmou que presidente e director deportivo acordaran a decisión entre os dous, e subliñou que «él aquí estaba desinteresadamente». A planificación da vindeira tempada en canto a fichaxes, renovacións e baixas se refire pasará desta volta polas mans de De Bessa e Acevedo. O presidente fixo fincapé en que «este ano levo eu as fichaxes», e insistiu en que «só imos fichar a quen coñezamos», posto que De Bessa recoñece que o club xa gastou cartos dabondo esta tempada en fichaxes que non deron o resultado agardado. Hai que lembrar que as fichaxes xestionadas por Antelo no mercado de inverno non supuxeron para o Lalín un salto de calidade. Pajín e Villa chegaron ás filas roxinegras logo de levar tempo fóra da competición, Hector Antelo chegou procedente do Betanzos, co que non desputara os cinco encontros que lle houberan impedido mudar de equipo. Tan só Cañete respostou en boa medida as espectativas depositadas nel. Aínda que a marcha de Antelo do club semella que non terá repercusión no apartado de fichaxes do C.D. Lalín, sí o terán as súas decisións como representante de xogadores. Julián O martes Antelo, en calidade de representante de Julián, manifestoulle a De Bessa a rotura de negociacións co club no que á súa renovación se refire. O presidente roxinegro dixo ter falado con familiares do xogador, que se amosaron sorprendidos, como tamén sorprendido dixo estar o propio Julián. O xogador do Lalín non ocultaba onte a súa sorpresa ao coñecer a través dos medios que se daban por pechadas as negociacións para a súa renovación polo C.D. Lalín. «Eu non estou enterado de nada, nin sei o que pasou», resaltou Julián, que dixo que Antelo non lle consultara a decisión. Preguntado pola súa preferencia de cara á vindeira tempada, Julián recoñeceu que «se continúa Acevedo a miña preferencia sería buscar outro equipo porque non estou moi dacordo coa súa filosofía deportiva», e matizou que «pero de todos xeitos, habería que escoitar as propostas, porque ademáis eu non dei a miña palabra a ningún outro equipo nin a ningún tecnico», subliñou o xogador. A intención de De Bessa é manter unha xuntanza hoxe con Julián para clarexar cara a cara cales son as posturas do Lalín e do propio xogador. Renovacións e fichaxes Á marxe da marcha de Antelo, o apartado de renovacións e fichaxes non rexistra novidades. O club está a buscar caras novas para o próximo proxecto deportivo do Lalín, pero ata o momento hai nada pechado. Ata o de agora, o Club Deportivo Lalín xa confirmou as baixas de Cañete, Pajín, Villa, Albor, Dani Pérez e o canteirán Alberto, que xa abandoara a disciplina de Acevedo antes do remate da Liga. Os que aínda teñen o seu contrato en vigor no equipo roxinegro, son Valeiras, Suso Matelo, Adrián, Antonio e Iván. Agora haberá que agardar a que se concreten novas incorporacións e se definan as baixas.