A lalinense confía en entrar mañá no quince do debú fronte a Italia A pilier do A.R.V.O. lembra que con ela a selección nacional nunca perdeu co rival transalpino
26 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Rocío García Eiras e as súas 25 compañeiras da selección española de rugbi feminino comezaron onte a conta atrás do seu debú no Campionato de Europa que desde mañá e ata o vindeiro 5 de maio se desputará en Madrid. Concentrada na capital, a pilier lalinense do A.R.V. Ourense era onte categórica ao sinalar que «cando xogamos calquera torneo o noso obxectivo sempre é gañalo ou, cando menos, chegar á final». E nesta ocasión España non ten permitido aspirar a menos dada a súa condición de anfitriona. Os títulos de 1995 e 2003 e os subcampionatos de 1996, 1999, 2000 e 2001 deben ser a referencia do combinado hispano. Sobre o papel, Inglaterra será o grande escollo da España de Rocío García Eiras no seu camiño cara o partido polo título continental. O combinado saxón, o xigante do rugbi feminino europeo xunto a Francia, loce desde o pasado mes de setembro o cartel de subcampión mundial. Só Nova Zelanda foi quen de superar a Inglaterra na cita canadiana de Édmonton, na que España rematou na novena posición. A pérfida Albión debe ser, nembargante, a derradeira preocupación do combinado nacional. E é que antes de medirse a Inglaterra na derradeira xornada da primeira fase, España terá que xogar contra Italia e Rusia. O equipo transalpino será mañá, a partir das 17.45 horas, o rival do anfitrión na xornada inaugural. Rocío García prevía onte que este «vai ser un partido moi desputado», cunha rivalidade engadida logo de que a organización do Seis Nacións lle fixera este ano a Italia un oco no torneo a costa do cadro peninsular. A xogadora lalinense lembra que «Italia perdeu os seus cinco partidos do Seis Nacións, pero tamén é certo que marcou tantos en todos eles». Efecto talismán Rocío aférrase a un dato para conferirlle ao equipo local o papel de favorito: «nos dous partidos que España xogou comigo contra Italia, nos dous gañamos». A galega agarda ser de novo talismán para o combinado nacional. O Europeo continuará o luns cun España-Rusia, adversario este do que «non temos referencias», di Rocío. E o mércores Inglaterra será o derradeiro escollo cara a gran final. Francia encabeza o outro grupo do torneo continental, que completan Gales, Holanda e Suecia. Os gañadores de cada grupo enfrontaránse o sábado 5 de maio polo título. Cun novo adestrador, trala substitución de Kepa Ancín polo arxentino Roberto Antonio Bourdet despois do Mundial de Édmonton, España chega ao Europeo con numerosas caras novas e un cambio de filosofía, cun xogo moito máis volcado sobre a dianteira. A nivel individual, a lalinense confía en figurar no equipo titular contra Italia. Ao seu favor conta cun estado de forma mesmo «mellor cá no Mundial», no que pesie a saír dunha lesión muscular fíxose acreedora da inclusión do seu nome no 15 ideal do campionato.