Javier Nercellas compite na Copa España de medio ironman

DEZA

O atleta lalinense Javier Nercellas atópase xa en Gran Canaria para desputar este domingo a primeira das cinco probas que compoñen a Copa España de medio ironman, unha modalidade de triatlón nas que as amplas distancias engaden aínda máis dificultade á proba. O deportista dezano deberá percorrer tres quilómetros a nado, 80 en bicicleta e 20 máis en carreira para cruzar a liña de meta que se situará na localidade canaria de Agüinara. Esta é a primeira vez que o atleta dezano participe nunha proba da Copa de España. O domingo está previsto que tomen a saída preto de 300 deportistas chegados de distintos países, e entre os que se atopan atletas olímpicos, según apuntou o propio Nercellas. O obxectivo que se marca o deportista lalinense é rematar a proba, posto que está aqueixado dun problema no tendón de aquiles que podería dificultarlle a conclusión da competición. Ademáis da dificultade que entrañan as longas distancias que os participantes terán que percorrer, Nercellas deberá lidiar tamén coa climatoloxía. «Aos galegos benefícianos a dureza da proba de bicicleta, porque aquí estamos acostumados a subidas e baixadas, pero temos en contra o clima canario». Nercellas cambiou as baixas temperaturas rexistradas en Galicia estes días por termómetros que marcan máis de 20 graos, e que poden afectar ao rendemento físico dos deportistas. Javier Nercellas, ademáis de formar parte do Club Natación Lalín, adestra co Triatlóon Bricos Pedras de Santiago, un club de Compostela.