Espido, Marful, Nordestin@s e Xabier Díaz actúan en Lalín

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

En dous minutos | Cancións de autor nun circuito O Novo Salón Teatro de Lalín é o escenario escollido polos organizadores -Xunta, IGAEM e Xacobeo- para as catro citas musicais, que comezarán este vindeiro sábado 24 de febreiro

20 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Baixo a denominación de Circuito 4x4 agóchase un amplo percorrido pola música popular creando pontes comunicativas interxeracionais. Dende muiñeiras ata tangos, jotas, habaneras, mazurcas e pasodobles pasando polas foliadas e os fandangos; ritmos e cantos coñecidos por moitas xeracións de galegos. Un circuito, posto en marcha pola Consellería de Cultura e Deporte, Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais e o Xacobeo, que se estructura en 4 grandes apartados: Voces Tradicionais, Canción de Autor, Con-fusións e Tradición Instrumental. Á capital dezá chegará a Canción de autor, coas actuacións de Espido o 24 de febreiro, Marful o vindeiro 9 de marzo, Nordestin@s que actuará o 30 de marzo, e Xabier Díaz que pechará o circuito o 13 de abril. Todas as citas serán no Novo Salón Teatro de Lalín, comezarán ás 21.30 horas e as entradas custarán 3 euros. Catro ciclos, catro cores de todo un universo musical con tamén catro representantes en cada un deles. Leilía, Ruote, Serra-Lhe aí e Os Carunchos son as agrupacións vocais con repertorio tradicional galego que se inclúen en Voces Tradicionais. Na Canción de Autor están os catro autores galegos -antes nomeados- e que estarán axiña en Lalín, namentras que en Con-fusións atopamos a Talabarte, Rao Trío, Trío Kin García e Marcos Teira. Son, en definitiva, os máximos expoñentes das últimas tendencias en Galicia en fusións de xéneros musicais. E, no derradeiro apartado, en Tradición Instrumental figuran as formación de Linho do Cuco, Dani Bellón & Diego Maceiras, Edelmiro Fernández, e Fernández e Quintá. Neste Circuito 4x4 é preciso salientar a participación de músicos vencellados ás comarcas de Deza e Tabeirós-Montes. Basta botar unha pequena ollada aos nomes dalgúns dos grupos participantes neste evento cultural e musical. É o caso, por exemplo, de Linho do Cuco, que lembremos, naceu como asociación cultural alá polo ano 1996 en A Estrada. Actuamente é unha formación tradicional galega que tén no seu haber unha morea de actuacións e dous traballos. Á directora do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, Uxía Pedreira, atopámola como integrante tamén de Marful -que realiza unha música que lembra aqueles salóns de bailes con balcóns nos anos 30 e 50, ritmos moi bailables- e de Nordestin@s. Carlos Quintá, outro músico lalinense, con fondas raíces no conservatorio folque ao igual que Edelmiro Fernández tamén forman parte deste proxecto.