?oi difícil o ten hoxe o Ibaser R.C. Lalín para sumar parte dos puntos que precisa no seu empeño por zanxar a permanencia na Primeira División Nacional. No Manuel Ángel Cortizo, a partir das 16.30 horas , os homes de Otero reciben ao sobre o papel terceiro mellor equipo do Grupo A da categoría de bronce do rugbi español, o C.R.A.T. coruñés. A visita do conxunto herculino á capital dezá prodúcese só unha semana despois de que o C.R.A.T. se impuxera con notable claridade sobre o líder da Liga, o Cetransa El Salvador B: 38-15. Tampouco o encontro da primeira volta entre o Ibaser e o C.R.A.T. invita ao optimismo nas filas lalinenses, cun 41-19 en contra do equipo visitante no campo coruñés. Por riba, o Ibaser afronta o choque cun dos candidatos a participar na fase de ascenso con importantes baixas. Ademais de Capone, cun partido de castigo federativo pola súa expulsión a semana pasada no campo do Valladolid B, o cadro local xoga sen Abreu, ausente por asuntos familiares, nin Otero, que terá que cinguirse ao labor de dirección por mor dunha lesión nun pé. Otero sinalaba onte que a clave do partido pasa por «defender ben a súa liña de tres cuartos» e unha dianteira veterana.