O C.D. Lalín quedaba onte pendente de poder fichar o sevillano Cañete

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O retraso no voo do mediapunta deixaba anoite a operación no aire ante o peche do mercado A directiva pretende incorporar a un dianteiro pola vía da baixa ao lesionado Dani Méndez

31 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A directiva e o corpo técnico do C.D. Lalín quedaban pendentes anoite de poder pechar a fichaxe do mediapunta sevillano José Pablo Cañete González antes da conclusión do mercado de inverno na Terceira División, fixado para onte. Logo de chegar a un acordo total co xogador andaluz, o retraso de Cañete no seu traslado á Coruña deixaba a operación no aire á hora de peche desta edición. O futbolista saíu a media mañá de onte desde Sevilla a Madrid vía aérea, para subir na capital nun segundo avión con destino Santiago. Os retrasos dos voos retardaron a chegada de Cañete a Compostela ata a noite, desde onde aínda se tiña que trasladar á sé da Federación Galega de Fútbol, na Coruña. O vicepresidente do C.D. Lalín, José Manuel Bahamonde, tentaba onte que na Federación Galega de Fútbol agardasen á chegada do xogador, prolongando o seu habitual horario de peche, as 20 horas. De concretarse a fichaxe de Cañete, o C.D. Lalín de Gelucho faráse co seu segundo mediapunta en dous días, logo da incorporación de Villa. Un home que ademais se pode desenvolver no interior dereito, e que pesie aos seus 23 anos, xa atosoura un amplo currículum deportivo na Segunda División B española, pero tamén brasileira. Tras comezar a súa carreira no filial do Málaga, Cañete xogou unha tempada no Puerto Malagueño, pasando posteriormente polo Ceuta, o Egea de los Caballeros e o Dos Hermanas. Esta tempada comezouna no segundo equipo do Guaraní de Brasil, co que desputou ata decembro o equivalente carioca á Segunda División B española. Probou co PSV A proxección de Cañete concedeulle no 2004 a oportunidade de facer unha proba co PSV Eindhoven de Holanda. Entre as súas virtudes atópanse a súa rapidez, un bo un contra un e a calidade do seu disparo, comentaba onte o coordinador deportivo do C.D. Lalín. Manuel Antelo sinalou que Cañete é un home especialmente adaptado «a sistemas baseados no contragolpe, como o 4-1-4-1». Independentemente do éxito ou do fracaso da inscrición do mediapunta sevillano na Federación Galega, o club roxinegro segue a traballar na procura do dianteiro centro que tanto precisa o equipo de Gelucho. Finalizado onte o mercado de inverno, o Lalín gárdase un as na manga do que pretende botar man: Dani Méndez. A longa lesión do canteirán permitiríalle ao club unha última incorporación fóra de prazo dándolle a baixa federativa a Dani. E sen presión de tempo, a un prezo moito máis asequible.