O SOL | O |
23 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A MIÑA confianza nos homes e mulleres do tempo acostuma a ser relativa. Supoño que se trata dunha desas cuestións que vas interiorizando dende pequeniña. Dende antes de que me saira o primeiro dente os meus oidos xa se acostumaran a oir iso de que os homes do tempo nunca acertan, ou o que é o mesmo, non dan pé con bola. Non é pois de extrañar que aínda que teñen todo o meu respecto, a miña confianza neles é relativa. Pois ben, ao que ía. Logo das reiteradas advertencias que nos últimos días chegaban de todas partes advertindo da ola de frío que se achegaba, onte decidín conceder un voto de confianza aos homes do tempo, e aos mapas do xornal que advertían da baixada de temperaturas, e boteime á rúa enfundada de tal xeito que semellaba un criminal perseguido pola xustiza, dado que deixaba á vista pouco máis cós meus ollos. Abrigo, bufanda, guantes, sombreiro e un paraugas cun estampado auténticamente hortero valorado en tres euros, como dirían en El Precio Justo , convertíanme onte nun espectro deambulando polas rúas lalinense. Por fortuna para min, e aínda que as folerpas non pasaban de auganeve, o frío sí chegou, e as baixas temperaturas xustificaban en boa medida a miña apariencia, máis propia de Escandinavia ca de Lalín. Aínda que o mal de moitos non pasa de ser o consolo dos tontos, teño que dicir que me crucei na rúa con algún que outro individuo/a que tamén decidiu dar o seu voto de confianza aos homes do tempo, e seguir as tendencias da moda polar. Aínda que se fixo de rogar, finalmente o frío visitou a comarca, e aínda que non me atrevo a predicir se será para quedarse unha tempada, por esta vez, benvido sexa. Mágoa que o tan traído cambio climático veña agora a esnaquizarlle as previsións aos meteorólogos, xusto cando comezaban a marcar tendencia. Terei que seguir coa cara e cruz.