Reportaxe | Incorporar xente nova ao teatro Foron precisos varios meses ata rematar o guión e a partitura do novo musical que xesta a Escola Municipal de Teatro de Lalín. Axiña comezarán os ensaios
20 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Quedou moi bo sabor de boca do primeiro musical que se realizou na capital dezá, polo que dende a Escola Municipal de Teatro comezou a prantexarse a posibilidade de facer outro musical. Unha nova experiencia que xa está encaminada, xa que nas vindeiras semanas está previsto abrir unha convocatoria para elexir aos actores e aos músicos que formarán parte do elenco. «Falamos dun amplo elenco de artistas. Imos precisar setenta persoas, de todas as idades a partir dos cinco ou seis anos para diante. Ao ser unha actividade máis da Escola Municipal de Teatro de Lalín só será preciso que o interesado teña ilusión por probar. É un musical para divertirse e para entreterse», segundo o director da escola Xosé Manuel Ogando Montes. Un musical para toda a familia. Así será esta nova aposta da escola. «Terá doce cancións que xa están rematadas, as partituras tamén e o guión xa o repasamos varias veces. A orquestra xa está formada, polo que só nos faltan os actores e pórnos cos ensaios que en principio temos a intención de levalos a cabo os xoves ás seis e media da tarde, aínda que haberá que comentalo cos participantes do proxecto. Salientar tamén todo é orixinal: o guión e as partituras. O guión é orixinal da escola e a música do lalinense Iago Mouriño, que ven colaborando habitualmente con nós». Un conto de fadas pero que convida á reflexión, así será este musical que durará algo máis dunha hora e que podería estrearse a finais do presente ano. «Tendo que en conta que seá cando a escola celebrará o seu décimo aniversario, pois sería unha boa data para estrear o musical alá para o Nadal de 2007 ou para Reis de 2008. Ata chegar aí temos moito que facer, moitas horas que ensaiar e atopar a xente que desexe participar, claro». Pero, ¿que personaxes haberá no musical? Pois fadas, princesas, príncipes, cabaleiros, ogros... E mentras non se fai a convocatoria para os actores, a Escola Municipal de Teatro de Lalín continúa coa súa cotidianidade de ensaios dos grupos teatrais nas parroquias, escolas e institutos da vila. «Estamos en plena tempada e xa estamos a ultimar as postas en esceas das obras para os meses de abril e maio. A escola mántense un ano máis co mesmo número de agrupacións».