Co xusto. Así se pranta esta tarde en Cangas (20.15 horas) o Portadeza B no seu partido co filial do Frigoríficos do Morrazo. Sen Porto, Pachi nin Aser, convocados co primeiro plantel, nin Jorge López, aínda lesionado, Félix Mojón deberá facer encaixe de bolillos para solventar con éxito un compromiso relativamente asequible noutras circunstancias. A única boa nova para Mojón é o retorno de Sergio, no dique seco desde outubro por unha rotura parcial dun menisco que deberá operarse só cando o parta de todo. Nembargante, o técnico roxinegro aclarou que o primeira liña tan só está listo para xogar uns poucos minutos, a falta de que volte a adquirir o ritmo de competición. O Portadeza B, cuarto na clasificación da Segunda Nacional con 14 puntos, enfróntase a un Cangas B que figura oitavo con 10. Mojón quixera que o seu rival tamén se vise mermado pola chamada do seu primeiro equipo, mais o Frigoríficos xoga na casa antes co filial, polo que semella que este estará ao completo.