No Portadeza toca trocar o chip

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Análise | Fracaso da planificación roxinegra Descartada a fase de ascenso e co equipo xuvenil fóra da Liga Galega, Nicolás Varela e a súa directiva están obrigados a fixar un novo rumbo, que ben poderían capitanear os propios Budi e Mojón

18 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A directiva de Nicolás Varela constatou o pasado domingo o fracaso do seu proxecto deportivo 2006/07. Un proxecto posto en marcha no mes de xuño coa fichaxe estelar de Emilio Pintos, Milucho , como adestrador do primeiro plantel e coordinador da base do Club Balonmán Lalín, e que completou a súa caída libre co adeus á terceira fase de ascenso consecutiva do Portadeza e á participación dos xuvenís na Liga Galega da categoría. A confianza cega de Fochi e os seus compañeiros de directiva en Milucho deixou o primeiro equipo nunha moi difícil situación cando Budi e Félix Mojón tiveron que coller o timón hai dúas semanas. Fichado co obxectivo de enriquecer a preparación técnica do campión de Liga e clasificalo novamente entre os dous primeiros postos, Milucho deixou nembargante o Portadeza con só 12 dos 22 puntos disputados, a 5 do segundo, Toledo, e cunha imaxe de equipo perdido. Antecedentes que sustentan a gravidade da derrota en León. Con toda a segunda volta por diante e 26 puntos en xogo, remontarlle 7 puntos ao Toledo ou 8 ao Novás semella xa unha quimera. Xa que logo, a directiva de Fochi deberá fixar un novo rumbo para sacar o maior proveito a unha tempada que perdeu os grandes alicientes deportivos. Un novo rumbo que ben poderían capitanear os propios Budi e Mojón.