Reportaxe | Centenario da fundación da Sociedade de Instrucción Unión de Rubín A escola agocha un misterio digno dunha novela de Dan Brown. O edificio foi creado para albergar un colexio laico, pero luce na entrada dúas estrelas de David
23 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? peche do recinto da casa-escola de Rubín, financiada polos emigrantes en Cuba da sociedade Unión de Rubín, presenta unha particularidade simbólica que chama a atención deseguida. As columnas de cemento con remate piramidal que flanquean o portal da entrada teñen grabadas cadansúa estrela de David. Ninguén sabe por que se colocaron alí nin quen o fixo. O enigma é digno dunha novela do mesmísimo Dan Brown, pero nin sequera en plena euforia de El código da Vinci houbo quen se animara a resolver o misterio local. O hexagrama ou estrela de seis puntas, formada por dous triángulos equiláteros que se entrecruzan, é, xunto co candelabro dos sete brazos, un dos símbolos máis coñecidos do xudaísmo. Máis raramente coñecido como selo de Salomón, a figura vense empregando dende hai dous séculos nas paredes das casas xudías de culto. A estrela xurdeu da busca dun símbolo do xudaísmo equivalente á cruz cristiana e é elemento habitual en sinagogas e elementos litúrxicos. A escola de Rubín non era cristiana, pero tampouco xudea. Os seus estatutos fundacionais explicitaban que o centro de ensinanza sería de carácter laico. Os veciños teñen constancia de que o peche da escola foi posterior á construcción do edificio, pero non saben explicar a presencia das estrelas. A cuestión está aínda sen investigar, pero algúns estudiosos locais da emigración cren que o símbolo pode estar relacionado coa masonería, que tamén empregaba símbolos parecidos. Según explican Olimpio Arca Caldas e Xoán Carlos Garrido, moitos emigrantes estradenses en Cuba estiveron vencellados a loxias. Adoitaban ser grandes filántropos que eviaban importantes remesas de cartos, pero nunca recoñecían a súa vinculación coa masonería. «Daquela ser masón era un pecado tremendo», explica Olimpio Arca. Represión dos masóns Nas causas xudiciais da época da represión franquista acúsase de masón a máis dun estradense. Poidera ser que algún deles fose o responsable do deseño da decoración do portal, para deixar constancia da súa filiación, ainda que pasase desapercibida para os veciños. Pero tamén poidera ser que o artífice da decoración elixira o símbolo simplemente como un motivo xeométrico meramente decorativo, sen saber siquiera do seu significado. Os veciños da parroquia inclínanse máis ben por esta hipótese. Descoñecen o nome do autor da decoración e a maioría non teñen interese ningún en tratar de esclarecer o asunto.