Reportaxe | Outra tempada con balance positivo O club sumou a pasada campaña 64 podios fronte aos 42 do ano anterior. Agora xa están a preparar a próxima etapa para a que se incorporarán cinco novos corredores
25 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.«Positiva e con continuidade». Deste xeito resume Ricardo Terceiro a tempada do Club Ciclista Estradense Hierros-Diego. O club está xa a preparar a vindeira campaña, e faino coa tranquilidade de deixar atrás un traballo ben feito e que deixou bos resultados. A progresión é o que define o traballo do club durante os últimos meses, afirma Terceiro, que engade que «o importante é que non damos pasos atrás». Aínda que antes de iniciar a competición temían que a tempada fose de transición, co devir das etapas comprobouse que iso non ía ser así, senón todo o contrario. O Hierros-Diego deixa atrás un total de 67 podios que fronte aos 42 da tempada anterior da mostra dos resultados nados do esforzo. A explicación aos resultados colleitados durante a tempada pasada baséase, segundo Terceiro, na continuidade no traballo, «ao contrario que outros deportes, en ciclismo nótase moitísimo o traballo acumulado ano a ano», e iso é o que caracteriza a boa parte dos ciclistas do club. En todas as categorías o Hierros-Diego colleitou bos resultados da man de corredores destacados. Óscar González converteuse na referencia en escolas grazas a subir en 16 ocasións ao podio, e ás que se sumaron outros dous de Román Terceiro. En cadetes Cristóbal Dios voltou brillar con 16 podios en 21 carreiras, e en xuvenil, Juan Carballo e Mario Durán sumaron 10 podios. En elite- sub23 os 10 asinados por Juan Mourón converteron á recente fichaxe do Karpin Galicia no buque insignia do equipo. Espiñas e sorpresas Aínda que o total de podios acadados da mostra do positivo da tempada, para Terceiro aínda hai algunha espiña cravada. As primeiras son a Volta á Coruña, e a Volta a Galicia, dúas competicións nas que segundo o director deportivo do club «empezamos ben, pero non damos rematado a faena». A outra é a Copa do Porvenir, que tamén se lle resiste ao equipo. As sorpresas agradables chegaron a pasada tempada da man do calendario vasco. O club competiu en varias probas e asinou un primeiro e un segundo posto en cadansúa proba. Ao remate da tempada o club rematou no posto 30 do ránquing nacional elite-sub23. Vindeira tempada O C. C. Estradense Hierros-Diego prepara xa a vindeira campaña. Terceiro, que afirma que o ciclismo é cíclico, cré que a próxima podería ser unha tempada de transición, se ben matiza que «todos os anos pensamos o mesmo, e sempre xurden rapaces que che dan grandes sorpresas». Polo momento, e trala marcha de Mourón, o equipo élite quedará conformado por 21 corredores entre os que estarán tres fichaxes que se incorporarán en decembro procedentes de Castela e León, e dous xuvenís galegos que ascenden de categoría, así como os catro corredores do club que pasan a sub23.