O SOL | O |
30 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NON SABEMOS o que temos ata que o perdemos. Iso nos din dende pequenos os vellos, e coma sempre, teñen razón. Estes días unha empresa lucense está a manter contactos con veciños de Brántega e Carmoega. O tema que tratan coa xente da zona está vencellado ao Sobreiral do Arnego, un espazo natural privilexiado que ata hai pouco non tiña o recoñecemento público que lle correspondía a un lugar declarado Lugar de Importancia Comunitaria. Dende hai algúns meses estase a traballar nun proxecto que, unha vez rematado, porá en valor o sobreiral. Preténdese que dende os veciños ata xente que xamáis oíu falar do sobreiral teña conciencia da súa existencia, e, sobre todo, de que é un entorno privilexiado. Pero, para conseguir isto, ademáis de moito traballo de campo, haberá que facer moita labor de concienciación social. Non tendemos a darlle importancia ao que temos preto. Ben sexa por costume, por indiferencia ou por descoñecemento. Hai anos as aldeas estaban pragadas de «casas vellas» que da noite para a mañá, e grazas a intervención da xente de fóra , pasaron a ser estupendas casas rurais. O paradigma do descanso da fin de semana. Teñen que vir os de fóra a dicirnos o que é bo. A ver se nos poñemos as pilas e somos quén de comprender que o que nos rodea é un entorno privilexiado. Cando sexamos conscientes diso, serermos quén de aprender a coidalo. O sobreiral do Arnego é un recuncho que se non tratamos con mimo pasará a ser un lugar común. Escoitemos a quen nos está a aconsellar. Sigamos as súas indicacións e deixémonos de concepcións retrógradas da propiedade. De pouco vale ter a terra se non se lle saca o rendemento e o valor apropiado. E non me refiro unicamente a unha cuestión económica. Temos a oportunidade de garantir o futuro do sobreiral. Non deixemos escapar a oportunidade.